Xosé Abad

 “Tiña 18 anos recen cumpridos  cando ingresei no cárcere da Coruña”

Xosé Abad no ano 1975

Texto autobiográfico onde relata o seu paso polo cárcere da Coruña no ano 1975, meses antes da morte do dictador.

Despois de pasar 72 horas na comisaría, entre preguntas e golpes,  un xuíz ordenou o meu ingreso na prisión provincial da Coruña.

Un frío furgón policial levoume ata ela, a verdade e que entre o estrés, a fatiga e o humillado que che sentes, o traslado foi algo parecido a unha viaxe espacial cara a un planeta descoñecido, aínda lembro unha certa sensación de ingravidez dentro do furgón. Iso si, levaba intacta a miña fortaleza persoal despois de gañar a batalla do silencio na comisaría, o máis importante naqueles tempos era resistir sen “cantar”.

Tras de min escoitei o golpe seco e metálico da gran porta de reixas que separaba a cadea da liberdade. O estoupido e o eco do son da porta situoume de repente na nova realidade, estaba no cárcere sen data de saída. As bagoas aguantadas durante tres días  esvararon sen control pola miña cara.  Empezaba a tomar conciencia da nova situación. Tiña 18 anos recen cumpridos.

Abad, recollendo o premio a mellor longamentraxe no II Festiva Primavera do Cine de Vigo 2013

Tres días antes comíame o mundo, tres días antes a miña vida viaxaba nunha soa dirección, rematar coa ditadura de Franco, construír sonos de liberdade e revolución democrática.

Un funcionario ordenoume que lle dera as cousas que levaba, carteira, cinto, reloxo etc.. meteu todo nun sobre e sinalou a un enorme xitano que viña polo corredor central da prisión arrastrando un colchón que tal vez algún día fora branco.

Segue a ese recluso, díxome. Camiñamos xuntos en silencio. Novas sensacións invadían os sentidos. Ese  olor  peculiar do cárcere o invadía todo, entre doce, a humidade, e a comida de rancho.

O recluso xitano levoume ata unha estreita e pequena cela na que debería pasar as 48 horas do período. Nese tempo pensas moito, especialmente na miña nai, sabía o que podía estar sufrindo, iso era o máis duro de levar, o resto aguantábase ben, tiña 18 anos recen cumpridos, e alí cando menos  nin te mallaban a hostias nin tiñas a paranoia da clandestinidade.

Ao  terceiro día un funcionario abriu a porta e levoume a miña cela definitiva no segundo piso, con vistas a Torre de Hércules supoño,  pola noite o monótono ritmo do faro bañaba a  pequena estancia por unha pequena fiestra situada a tres metros de altura. Enseguida chegouse xunto a min un home forte e afable, díxome “ola, son Rafael Pillado”. A súa presencia resultoume reconfortante, por fin alguén en quen confiar…, a máis,  era un verdadeiro honor coñecer a un compañeiro  histórico, a un referente da loita obreira, eu estaba entusiasmado… Enseguida Rafael con moito tacto e afecto, levoume a o patio a dar unhas voltas mentres trataba de indagar como fora a miña detención, o interrogatorio na comisaría, e sobre todo saber si cantara algún nome. Nese caso o prioritario era avisar á organización para poñer a salvo as compañeiras e compañeiros  implicados, evitando así unha caída máis grande da organización clandestina.

Naquela época, xaneiro do 75, estaban no cárcere outros dirixentes históricos como Xulio Aneiros e Bastida. Eu era o máis novo claro, e a verdade e que coidaban de min como verdadeira familia. Con Rafael e Aneiros especialmente, aprendín moito. Estar na cadea era como facer un máster, cada día valorábamos as novas da “pirenaica”  coa radio clandestina que tiña Rafael, tamén liamos e discutiamos os artigos do Mundo Obreiro, que entraba puntualmente, non direi como porque a cousa hoxe ten moi mala pinta e ao mellor temos que repetir.  Pero sobre todo empapeime  da humanidade, o compromiso e a solidariedade dos meus novos compañeiros.

A loita clandestina foi unha experiencia as veces moi dura, pero tamén foi intensa e rica, sen dúbida marcou a miña vida.

Xosé Abad, A Coruña 2015

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s