Poemas no cárcere de Manuel Gómez Segura

Manuel Gómez Segura estivo preso no cárcere no ano 1975, era estudante de esquerdas e tamén escribía versos.

“No final da ditadura seguíase estendendo a longa noite de pedra nos cárceres coruñeses, aínda que para o que sabe das fronteiras entre o dentro e o mundo dos de afora constátase que as paredes encerran moito máis que as continxencias políticas. A historia alenta sobre o persoal ata reducir a vida á cerna. Ilusión e dor, mais sempre a pulsión da existencia e a loita. O silencio e a escuridade combátense co pracer da creación e o coñecemento. Reafírmase así o que se posúe en liberdade: o verso, a materia e o eu. A procura sempre será resistencia.  

No primeiro texto, o número 22, a síntese é a maior fortaleza, a conxunción de contrarios condensandos no poder espidos dos lexemas. A idea e a materia, a vida humana á fin, que se unen na revolución. Só hai unha consigna que se cumpre na repetición, case como un himno. 

No segundo, o número 23, prefírese o método especulativo. A interrogación ante as fendas que abre a dúbida da punición. Mais imponse ao final a crenza que se asenta na moral, como no primeiro texto, especialmente potente cando o autor se atopa recluído. Hai a certeza do desexo satisfeito e gorentoso, un estado que se converte na ética máis audaz: o dereito ao pracer. “

Inmaculada Otero

Manuel Gómez Segura: “Unha historia menor”

Manuel Gómez Segura móstranos o seu tempo de compromiso político durante a Dictadura e as consecuencias: xuicio do TOP, tempo de prisión e represalias posteriores. Describe os compañeiros presos e a vida carcelaria.

A miña historia é pequena en comparación coa doutras persoas que estiveron na cadea, xa que soamente permanecín en prisión oito meses. Seguramente serían moitos máis de non ser que cando eu estaba en prisión no ano 1975, morreu o ditador Franco e os penais comezaron a baleirarse de presos políticos, en especial daqueles que non tiñan “delitos de sangue” como era o meu caso.

Era eu un mozo do pobo de O Barco de Valdeorras (Ourense) e non me importa dicir que moi bó estudante que iniciou os seus estudos universitarios de Biolóxicas en Santiago aló polo ano de 1972 con 17 anos e con beca da Fundación Barrié de La Maza, (Conde de Fenosa) que por aquelas datas era a dona da fábrica de CEDIE, onde traballaba o meu pai na localidade de O Barco de Valdeorras. Digo isto, porque cando fun detido , eu levaba dous cursos completos de Biolóxicas aprobados en xuño e ía polo terceiro. Coa miña detención, fun expedientado e expulsado da Universidade de Santiago de Compostela, perdendo a beca, non podendo continuar os estudos por este motivo, por estar detido na cadea, e por ser obrigado, cando saín do cárcere a facer o servizo militar. E cando rematei a mili, os meus pais, coido que con moi bó criterio, non me deixaron voltar para Santiago. Éramos tres irmaos e tirábamos todos da economía familiar e por riba xa non tiña beca. A pesar de todo , e con moitos esforzos por parte de dos meus pais rematei cos estudos de maxisterio en Ourense non exercendo nunca esta profesión de forma oficial.

            Cando cheguei a Santiago no ano 1972 era eu un mozo inquedo , profundamente católico, aínda que logo este mundo acabaría desmoronándose. Contactei con círculos trotskistas de Biolóxicas e pronto comecei a participar nas actividades de LCR-ETA VI. Militei nesta organización ata o ano 1982 ou 1983, cando esta organización xuntouse co MCG e xuntos constituíron INZAR que acabaría integrándose  no BNG.

Seguir lendo