Poemas no cárcere de Manuel Gómez Segura

Manuel Gómez Segura estivo preso no cárcere no ano 1975, era estudante de esquerdas e tamén escribía versos.

“No final da ditadura seguíase estendendo a longa noite de pedra nos cárceres coruñeses, aínda que para o que sabe das fronteiras entre o dentro e o mundo dos de afora constátase que as paredes encerran moito máis que as continxencias políticas. A historia alenta sobre o persoal ata reducir a vida á cerna. Ilusión e dor, mais sempre a pulsión da existencia e a loita. O silencio e a escuridade combátense co pracer da creación e o coñecemento. Reafírmase así o que se posúe en liberdade: o verso, a materia e o eu. A procura sempre será resistencia.  

No primeiro texto, o número 22, a síntese é a maior fortaleza, a conxunción de contrarios condensandos no poder espidos dos lexemas. A idea e a materia, a vida humana á fin, que se unen na revolución. Só hai unha consigna que se cumpre na repetición, case como un himno. 

No segundo, o número 23, prefírese o método especulativo. A interrogación ante as fendas que abre a dúbida da punición. Mais imponse ao final a crenza que se asenta na moral, como no primeiro texto, especialmente potente cando o autor se atopa recluído. Hai a certeza do desexo satisfeito e gorentoso, un estado que se converte na ética máis audaz: o dereito ao pracer. “

Inmaculada Otero

Deixar un comentario