Rafael Pillado Lista: a loita permanente

Rafael Pillado Lista, nacido no 1942 en San Cibrao, Cervo.
Na súa persoa vense representados milleiros de homes e mulleres que coma el, sufriron xa de nenos as consecuencias dun réxime fascista e cruel.

A ausencia constante do pai, preso no cárcere franquista acusado de apoiar á guerrilla, a nai tentando gañar algún diñeiro para asegurar a súa alimentación, a miseria da xente nos duros anos de posguerra, van marcar a Rafael para o resto da súa vida.


Con 15 anos comeza a traballar na empresa de construcción naval Bazán, en Ferrol; empresa onde traballa ata a xubilación e onde se vai converter nun líder sindical comprometido e loitador, negociador dos distintos convenios laboráis, o que acarréaralle moitos problemas, tanto na empresa, como coa policía, que o detén en moitas ocasións.


Membro das Xuventudes Comunistas, con 22 anos viaxa á República Democrática de Alemania para asistir a un curso político, do que ven reforzado política e organizativamente e cun coñecemento máis real da militancia no partido. Non será a única viaxe ao estranxeiro para asistir a reunións do partido comunista.


Participa no Congreso Constituinte do PCG e na fundación de Comisións Obreiras. Partícipe da toma de conciencia da forza do colectivo obreiro, alenta á folga a traballadores fartos coma el, de salarios miserables, xornadas demoledoras, ausencia de seguridade laboral e de dereitos básicos en xeral; empresas como Peninsular Maderera, Pysbe, Megasa,… Teñen en Rafael un apoio incondicional.


A década dos 60 son, pois, anos de mobilizacións, protestas, negociacións, viaxes , despidos, edicións clandestinas de periódicos e documentos…. Anos de moito esforzo.


Testemuña de primeira liña do fatídico 10 de marzo de 1972, onde deixaron a vida Daniel Niebla e Amador Rey por disparos da policía; foi detido e enviado o cárcere de A Coruña, onde comparte espazo con compañeiros como Vicente Alvarez Areces, Rafael Bárez, Xosé Torregrosa, Manuel Amor, Xosé María Riobó, Xulio Aneiros, Xosé Cabado Martínez, Anxel Porto Feal, Anxo Cortizas, Paco Rodríguez, Pedro Bonome e Bernardo Bastida, entre outros.


O xogo, a aprendizaxe de diferentes disciplinas, a lectura, a conversa cós compañeiros, mesmo o estudo de Graduado Social, enchen o tempo de cadea na Coruña. Corre o ano 1972.

Seguir lendo

O testemuño do vello Pillado

No seu libro de memorias Manuel Pillado conta o tempo pasado en prisión no ano 1972. Alí estiveron tamén con él os seus dous fillos Rafael e Raúl tamén sindicalistas. Compara a situación do cárcere no 72 coa que vivira na posguerra: a comida, a organización, describe as súas conversas cun funcionario co que xa coincidira en outras prisións e a solidaridade entre os presidiarios…

Seguir lendo