
Manuel Gómez Segura móstranos o seu tempo de compromiso político durante a Dictadura e as consecuencias: xuicio do TOP, tempo de prisión e represalias posteriores. Describe os compañeiros presos e a vida carcelaria.
A miña historia é pequena en comparación coa doutras persoas que estiveron na cadea, xa que soamente permanecín en prisión oito meses. Seguramente serían moitos máis de non ser que cando eu estaba en prisión no ano 1975, morreu o ditador Franco e os penais comezaron a baleirarse de presos políticos, en especial daqueles que non tiñan “delitos de sangue” como era o meu caso.
Era eu un mozo do pobo de O Barco de Valdeorras (Ourense) e non me importa dicir que moi bó estudante que iniciou os seus estudos universitarios de Biolóxicas en Santiago aló polo ano de 1972 con 17 anos e con beca da Fundación Barrié de La Maza, (Conde de Fenosa) que por aquelas datas era a dona da fábrica de CEDIE, onde traballaba o meu pai na localidade de O Barco de Valdeorras. Digo isto, porque cando fun detido , eu levaba dous cursos completos de Biolóxicas aprobados en xuño e ía polo terceiro. Coa miña detención, fun expedientado e expulsado da Universidade de Santiago de Compostela, perdendo a beca, non podendo continuar os estudos por este motivo, por estar detido na cadea, e por ser obrigado, cando saín do cárcere a facer o servizo militar. E cando rematei a mili, os meus pais, coido que con moi bó criterio, non me deixaron voltar para Santiago. Éramos tres irmaos e tirábamos todos da economía familiar e por riba xa non tiña beca. A pesar de todo , e con moitos esforzos por parte de dos meus pais rematei cos estudos de maxisterio en Ourense non exercendo nunca esta profesión de forma oficial.
Cando cheguei a Santiago no ano 1972 era eu un mozo inquedo , profundamente católico, aínda que logo este mundo acabaría desmoronándose. Contactei con círculos trotskistas de Biolóxicas e pronto comecei a participar nas actividades de LCR-ETA VI. Militei nesta organización ata o ano 1982 ou 1983, cando esta organización xuntouse co MCG e xuntos constituíron INZAR que acabaría integrándose no BNG.
Os incidentes que deron lugar á miña detención en Santiago , ocorreron nesta cidade a finais do mes de Abril de 1975. Nun intento de manifestación -frustrado- para exaltación do 1º de Maio, fun detido a punta de pistola pola policía secreta de Santiago na rúa Montero Ríos, á altura da Caixa de Aforros (paradoxos do destino me levarían a traballar durante 25 anos nesta entidade financeira). Uns metros máis abaixo de onde fun detido , un grupo de estudantes abríanlle a cabeza a un policía, e conto isto porque este incidente repercutiu moito nas torturas que me fixeron na comisaría de Santiago. Lembro con moita claridade o instante en que me detiveron, cando o policía poñéndome unha pistola na caluga dixo ”como te muevas te pego un tiro y luego diré que me agrediste y que intentabas escaparte”. Tiña 20 anos e a miña vida cambiou de forma radical.
Foron 72 horas na comisaría de Santiago e xa dixen un chisco máis arriba que o incidente co policía a quen lle abriron a cabeza alterou o “tratamento” que tiven na comisaría. Torturas, torturas e máis torturas sen apenas preguntas. Aqueles tempos eran as postrimerías do franquismo e o réxime estaba malferido e á procura (polo menos o que eu creía) de dar os derradeiros coletazos. Non sei se hai estudos, feitos por alguén, dos métodos que empregaba a policía franquista, pero sempre me chocou moito que apenas me fixeran preguntas .Penso que sabían perfectamente quen era eu dentro da LCR-ETA VI. Aquel día era eu o encargado de organizar o que chamábamos “piquetes de autodefensa”, sendo evidente que alguén nos delatara, aínda que nunca souben quen foi. A policía aplicábase con especial virulencia en aquelas datas sobre militantes antifascistas que estaban a esquerda do PC, como era o meu caso daquela.
Despois da estancia na comisaría fun levado a presenza do xuíz, un fillo de puta letrado, non teño outra definición. Aquel individuo con total desprezo á miña persoa decretou o ingreso en prisión de forma provisional en espera de xuízo, incoando expediente ante o Tribunal de Orden Público (o temido T.O.P). Descoñezo o número de expediente, xa que os meus país , co paso do tempo destruíron aquela valiosa documentación. Tiñan o medo metido no corpo. Eu nunca me preocupei de indagar nos arquivos do antigo TOP. E por se non fora pouco ese castigo, Gobernación de A Coruña impúñame unha multa de 250.000 pesetas -daquela- que obviamente nunca paguei. Con esa cantidade de diñeiro, naqueles tempos no meu pobo podías case mercar un piso. E para rematar as sancións, como xa dixen, a Universidade de Santiago de Compostela abríame expediente disciplinario prohibíndome o acceso as súas instalacións e a seguir cursando estudos. No T.O.P. pedíanme , creo recordar, 2 ou 4 anos por terrorismo, asociación ilegal e manifestación non pacífica.
Despois de pasar dous días a maiores, xa mais tranquilos, nas dependencias que hoxe ocupa a Policía Local de Santiago debaixo da Praza do Obradoiro, trasladáronme xunto con outro compañeiro da LCR-ETA VI -Anxo Fernández- á cárcere da Coruña nun furgón blindado. Este compañeiro foi sancionado cunha multa de 250.000 pesetas que tampouco pagaría e pasaría a súa correspondente equivalencia en dous meses de prisión no cárcere de Coruña, xa que a el non lle abriron expediente xudicial no T.O.P.
E todo o anterior é o preámbulo que me leva a min a estar durante oito meses na cárcere de Coruña. Foron incorrectas as noticias dadas en prensa como a de “La Voz de Galicia” do día 6 de maio do 1975 , de que eu optaba a non facer efectiva a multa e prefería tempo de prisión. A sanción equivalía a dous meses de cárcere, permanecendo moitos máis, xa que fun condenado a ingresar en prisión en espera de xuízo. Por certo, coido que o xuízo íase a celebrar en setembro de 1976 en Madrid, pero cando estaba nas dependencias do tribunal, o meu avogado, De Benito, díxome que marchara para casa que o xuízo non se celebraría.
O tratamento dentro do penal foi totalmente diferente, xa dende o primeiro día e despois de atravesar o “rastrillo” (“recepción” dos penais) fun recibido polos presos políticos Xulio Aneiros e Rafael Pillado, militantes do PCG, e a miña percepción da política comezou a mudar. Souben que esa xente , xunto coa presión doutros presos políticos modificaran para ben as condicións de vida das cárceres franquistas. No cárcere da Coruña, cando eu entrei, os presos políticos estaban organizados en comunas. Era igual en todas as cárceres franquistas. E había dúas comunas de presos políticos: A “Unitaria”, formada principalmente por xente do PCG e a “Marxista-Leninista”, formada exclusivamente por presos políticos militantes do PC-Reconstitudo , (que logo daría lugar ó GRAPO), entre eles lembro a Luís Abalde y a José Luis Joaquín Sebastián. Polo trato dispensado, lembro en especial a Xulio Aneiros, do que teño na miña memoria un especial cariño por sempre. Por convencemento político integreime na comuna Unitaria. Este sinxelo feito marcou para sempre o meu pensamento político: Loitei, dende entón, pola unidade de todas as forzas de esquerda xa que, en palabras de Aneiros, e de xeito moi esquemático “o inimigo é o mesmo para todos e hai que derrocalo”.
E o 5 de maio de 1975 empecei a dar voltas polo patio dos presos políticos, xa que estábamos separados dos presos comúns, estes, moi mal organizados. O contacto con eles era frecuente habendo no meu imaxinario algunha que outra anécdota. A vida dos presos políticos, en certa medida, era plácida. Nós, aparte das nosas celas tiñamos un salón non maior duns 30 metros cadrados, onde tiñamos as comunas con moitísimos libros, xa que todos deixábamos os da nosa propiedade cando íamos saíndo libres, máis alimentos que nos traían os familiares, unha TV , e un pequeno tocadiscos , e por suposto, discos : Abraiados quedaron os compañeiros presos ,cando xa por novembro do 75 un amigo me fixo chegar o LP de Deep Purple “Made in Japan” e alí quedou.
E debatíamos moito, en especial eu , xa que daquela era moi pelexón. De moita sona eran as trifulcas que tiña con Lito Fraga, militante de ERGA, discutindo en presenza daquel tocho de libro das Memorias de Lenin, (da Editorial AKAL, sempre o lembro) sobre o término de “autodeterminación das nacionalidades históricas” (¡Mira que éramos brutos!). Lito Fraga e Carlos Vales Vázquez (actual director do CEIDA de Santa Cruz de Oleiros) foran detidos uns días máis tarde que eu en Santiago , imputándoselles pertenza a ERGA. Calos Vales é o único expreso político co que tiven algunha relación posterior á miña saída da cárcere.
Falando doutra xente que coincidiu comigo na cadea, estaban os membros de ETA Iñaki Villanueva e Emilio Goitia, que foron detidos xunto con militantes da UPG, dos que lembro a Xosé Brañas e Manolo Fernández (estas detencións déronse o mesmo tempo que a morte de Moncho Reboiras en Ferrol en Agosto de 1975). A raíz da entrada no cárcere da Coruña destes presos nacionalistas, formouse outra comuna! dentro do limitado espazo que tiñamos os presos políticos: a comuna nacionalista. O divorcio das ideas trouxo consigo tamén a separación de alimentos, de libros… aínda que as relación fosen seguindo cordiais. Persoalmente, esta insensatez afectoume bastante, xa que eu compartía cela co preso nacionalista Carlos Vales e non chegaba a comprender que as diferenzas políticas “dos de fora” provocasen tales divisións dentro.
Durante a miña estancia na cárcere, pasaron tamén en períodos curtos Carlos Reverter da LCR, Pedro Morlán das Xuventudes Comunistas, Tundidor? (non lembro ben o nome, pero era militante do MCG), alguén da ORT (non me lembro en absoluto do nome) e seguramente alguén máis , pero xa non os teño na miña memoria.
Dentro da prisión lembro con especial forza dous feitos, luctuosos ámbolos dous pero opostos entre si: Un, a morte a mans do réxime franquista dos 5 presos do FRAP e de ETA o primeiro de Outono de 1975, e o outro, a morte do ditador Franco o 20 de Novembro, este derradeiro suceso foi “anunciado en primicia” con golpes a través das paredes das celas polo compañeiro Rafael Pillado a iso das 6,30 horas da mañá; Este suceso celebrámolo con cacahuetes e viños Coes (tintos moi noxentos da casa Savin, pero que naquel intre sabían a gloria) mercados no economato da prisión, rematando con cancións no patio ata que fomos avisados polos funcionarios “de que podíamos molestar a los grises” que eran os encargados da vixilancia exterior da cárcere.
E así, entre paseos de ida e volta polo patio, moito partido de fútbol, (algún con presos comúns mozos), moita lectura, escrituras, debates e sobre todo moitísimas confidencias entre nós, transcorreron os meus oito meses de prisión na cárcere de A Coruña.
Leveino con bastante dignidade e soamente fun algo “tocado” no aspecto persoal xa que as relacións cos amigos, ou coa parella que tiña antes de entrar na cadea, quedaron truncadas. E incomprensiblemente a prisión faríame, neste tema, máis dano cando saín en liberdade que estando dentro dos seus muros. Escribín moito, moitísimo , cheo de rabia, de sentimentos cortantes, moita mestura. Non volvín erguer cabeza ata que coñecín á que hoxe é a miña muller, formando unha estupenda familia , da que tamén forma parte o meu querido fillo.
Entre as visitas, sempre, agradecidas, aparte das dos meus pais, que entonces empezaba a aprecialos moito por todo aquilo que estaban pasando e sufrindo, eran as do meu parente Toñín (con cariño, co alcume de “O Peixe”), importante empresario coruñés . Inmenso este home, quen a través dun funcionario da prisión, creo recordar que de nome Agustín e próximo o PCG, conseguía pasarme libros sen censura, comida, organizar visitas dalgunha amizade … e él mesmo ía verme con moita frecuencia. ¡Qué pedazo de persoa¡
Sain da cadea, como moitos presos políticos, despois da morte de Franco. Foi o día de noiteboa de 1975. E a partires de entón todo foi rápido: perdín á miña parella ,non puiden seguir a carreira universitaria que me ilusionaba, tiven que facer a mili… Despois de todo, meus pais déronme a oportunidade de voltar ó estudo, e fixen maxisterio, pero o sistema seguía a darme pequenas coiteladas: novas multas gobernativas, seguimentos no meu pobo por parte da garda civil, presenza policial preto do meu domicilio e, como ironía, cando consigo entrar a traballar a dar clases nun colexio privado , despídenme o quinto día por mor das presións dos pais dos rapaces e o cura do colexio, que non fora ser que os convertise en “demos roxos”. Por certo, este cura, xa falecido, ten recoñecido un paseo ó seu nome no meu pobo. Traballei en supermercados, en alimentación durante anos, nunca exercín de forma oficial a miña profesión de mestre, aínda que , como gran aficionado das matemáticas, din moitas clases particulares. Coa axuda da que hoxe é a miña muller e do meu fillo, fun superando, pouco a pouco, este pesadelo, froito dunha etapa de represión. Non conseguín ser docente, como era o meu desexo, acabando traballando no sector financeiro.
E esta é a miña historia, pequena parte da miña vida, unha historia menor en comparanza con outra xente á que coñecin, como Marcos Ana, ou a miña paisana guerrilleira Chelo Rodriguez. Puiden escribir moitas máis follas, ou cecáis facelo máis breve, pero así saíu e así queda.
Lolo Gómez Segura
Decembro de 2015.