José López Bouza, meu pai no cárcere de A Coruña

José López Bouza no ano 1936

polo seu fillo Siro

Meu pai foi albanel pero debería ser actor. Tanta era a súa vocación que con nove anos facíalles recados aos membros das compañías teatrais que chegaban a Ferrol para actuar no Jofre porque andar entre camerinos, ver como dispuñan a tremoia e os decorados, asistir aos ensaios, falar cos actores e actrices, era para el pasar ao outro lado do espello e entrar no seu País das Marabillas. Ata chegou a convencer a un grupo de que era orfo e sen familia que o cuidase, polo que podía marchar con eles. O director, home prudente, fixo algunha pescuda e soubo que o rapaz tiña pai, nai e tres irmás; xente humilde, pero boa. De maneira que, cabo de poucos anos e sen apenas estudos empezou a traballar co pai, albanel moi acreditado na cidade, que corría por <Escoa>. O alias víñalle de cando empezara a exercer a profesión porque falaba moi bo galego e para dicir a alguén que pasase un líquido dun cubo a outro, dicíalle: -Escoa aí. E Escoa quedoulle. O oficio e o alias foi o herdo que deixou ao fillo, e o alias deformado porque como ninguén sabía que era escoar, en pouco tempo meu pai pasou de <Escoa> a <Escoba>. Librou da mili <por excedente de cupo> e aos vinte anos casou con Loliña, miña nai, de dezanove e filla do zapateiro da Malata.

Meu pai era bo profesional e non lle faltaba traballo, polo que puido entrar no Real Coro Toxos e Froles para cantar na corda de barítonos e actuar no grupo de teatro. No escenario facíao tan ben, que foi protagonista nas máis das obras representadas. Manuel Lourenzo e Francisco Pillado din del que foi un excelente actor cómico, especializado no teatro de Molière, e isa foi a actividade que deselvolveu preferentemente ata que os españois se odiaron tanto que decidiron matarse. Pouco antes, durante o goberno da Fronte Popular, o repertorio do grupo de teatro de Toxos e Froles trocou as comedias por outras obras <de marcado matiz político-social> e meu pai converteuse nun actor dramático que podía representar dous papeis nunha mesma obra: de sancristán ridículo e louvamiñeiro, e de líder obreiro que botaba mítines acesos. El facíao gustoso, que estaba afiliado á UGT e tamén ao PSOE, como seguidor de Xaime Quintanilla Martínez, o político visionario que quería facer compatíbeis o socialismo e o galeguismo, e que foi asasinado o 18 de agosto de 1936.     

Seguir lendo

Luís Costa García, unha vida chea de atrancos pero un doutoramento en París

Luis Costa García nace en Vilagarcía no 1915, o 26 de febrero.  Cenetista, escritor,  bibliotecario e historiador. Tras o golpe de Estado de 1936 usou o nome falso de Juan García Durán, de Comillas, Santander.

Nace nunha familia de clase obreira. Trasládanse de Vilagarcía a Vilaxoán. Comezou coma carpinteiro e finou sendo Doutor en Historia pola Sorbona de ParÍs. “Os Costa tiñan ansia de liberdade na alma, e moita mar nos ollos azuis.” O seu pai, Cándido Costa Saborido, simpatizante da ideas republicanas, foi perseguido no golpe do 36.

Luís ingresa con 15 anos nas Xuventudes Libertarias, aos dezaseis anos era secretario da organización en Vilagarcía. Con dezaoito presidente do Sindicato de Carpinteiros. Con vinteún, no 36, acode como delegado ó Congreso da CNT en Zaragoza.

Mata a un home accidentalmente nunha trifulca no seu posto de traballo no Porto de Vilagarcía. Fuxe a Coruña a refuxiarse con compañeiros libertarios.

En xullo do 36, canda o golpe, tenta fuxir nun barco a Asturias para unirse alí á loita pero é detido pola pola Garda Civil (episodio que abre a súas memorias antifranquistas).

Ingresa no cárcere de Coruña no 1936, condeado a morte, pero  lle foi commutada a pena. Durante todo o proceso adopta o nome falso de Juan García Durán para non ser relacionado coa morte de Vilaxoán. Luís permaneceu preso sete anos, presenciando a diario como iban levando compañeiros ao fusilamento. Aproveitou para estudar, os seus mestres no cárcere foron Cesáreo e Camilo Saco, galeguistas de Monforte, foron eles quenes o iniciaron na gramática.  Posteriormente escribiu “Gramática Española: porque la gramática es una ciencia”. Seguir lendo

Sobre Luis Costa (Juan García Durán)

O profesor Alonso Montero reflexiona sobre a obra de  Luís Costa García que tamén estivo preso no cárcere da Coruña desde o ano 1937 ó 1942, nese tempo  publicou o libro “Pola Libertade”.

“Se non estou trabucado, ninguén, en Vilagarcía de Arousa, a súa patria, lembrou a Luís Costa García, que naceu nun fogar humilde, gañou o pan, moi novo, como carpinteiro, foi sempre leal ao ideario anarquista, padeceu anos de prisión e obtivo o título de doutor en Historia no ano 1975. Foi o eminente hispanista Pierre Vilar quen lle dirixiu a tese de doutoramento: Guerra Civil espagnole 1936-1939. Interventions sur mer. Morreu na cidade de Alacant en 1986, pero, dous anos antes, publicara na editorial Crítica, de Barcelona, o corpus bibliográfico máis completo, daquela, sobre a guerra do 36: La Guerra Civil Española. Fuentes. Archivos, Bibliografía y Filmografía.

Seguir lendo