No cárcere

artigo realizado para a revista BABEL

“Na cidade da Coruña ó pe da Torre de Hércules atópase o vello edificio da antiga prisión provincial de A Coruña. Hoxe en día, un lugar que ameaza ruína, cos tellados cubertos de herbas e fieitos e onde as gaivotas aniñan as súas crías.

O  edificio do cárcere da Coruña foi construído no anos vinte do século pasado para aloxar ós presos nunhas condicións máis dignas que o antigo presidio da cidade que era calificado polo que fora alcalde da cidade Carlos Martínez Esparís de “mazmorra inmunda”.

Tras o golpe de estado do xeneral Franco en xullo de 1936 os muros da nosa vella prisión cobrarían un triste protagonismo na historia do país.

No primeiros anos encheuse coa corporación municipal, gobernadores, dirixentes sindicais ou veciños comprometidos. Eran levados a decenas para pasar un tempo mínimo antes de ser asesiñados  despois dun xuicio farsa ou por medio dun translado a outro lugar no que se remataba ós prisioneros aplicando unha “lei de fugas”, polo que se podía disparar sen contemplacións.

No primeiro caso recordamos ó alcalde Alfredo Suárez Ferrín que despois de cinco día e cun “xuizo expres” foi fusilado no campo da rata, un fermoso e triste lugar xunto ó penal onde este home,  e centos deles máis,  levaron a mesma sorte; o segundo caso foi o de José Villaverde, lider da CNT, que un día desapareceu sen rastro ata que un home dunha aldea de Arteixo tivo piedade e comunicou a familia onde estaba o corpo. 

Neses primeiros anos o penal tivo unha población multiplicada e nunhas condicións miserables; os que non foron mortos por fusilamento foron mortos pola fame.

O cárcere era un lugar triste como  que nos recorda  Xerardo Díaz preso a partir do 1937.

O pátio estaba máis cheo que de de costume e tamén víanse moitas cabezas rapadas, sinal de que entrara  moita xente nova. Camiñábase a presa como si algo dentro de nós nos empuxara; tíñamos presa pro sair dalí; tíñamos presa por poder berrar, por poder falar, por poder vivir… Os pés de máis de mil trescentos homes arrastrándose  polo chan con calzados de todas crases, facían un bruido monótono e irritante, un chas-chas que non remataba nunca, que non entontecía como unha chuvia sin vento, como unha tormenta sen tronos nin lóstregos, sin bufardas nin auga; era como un laio que viña dun mundo que non era o noso e que se burlaba de nós…”

A represión contra a guerrilla foi outro momento de redadas e apresamentos. A rede tecida polo movemento guerrilleiro, desde os primeiro momentos, sostíñase graciás  ós enlaces e puntos de apoio. A partir de que o réxime franquista soubo que os aliados vencedores da segunda guerra non írían en contra deles, iniciose a ofensiva contra a guerrilla antifranquista e calquera tipo de apoio. Mayoritariamente foron tiroteados en asaltos ás sedes , e tamén foron apresados xunto con familiares e enlaces como Emilia Patiño presa por coser unha bandeira ou  Manolito Bello un rapaz que colaboraba coa guerrilla da IV  Agrupación  Entre os que  foron presos e posteriormente executados, destacamos ós dirixentes Antonio Seoane,  Gómez Gayoso ou  Benigno Andrade García “Foucellas”.

Camilo de Dios, guerrilleiro da III Agrupación,   descríbenos o seu tempo no cárcere no ano 1949, un dos penales polos que pasou nos dez anos de privación de libertade.

“No cárcere da  Coruña foi horrible, déronme moi mal de comer, os condenados a morte estaban moi mal alimentados. Tiñan 1,50 pesetas de presuposto por preso e descontábannos a auga, a luz e a roupa, manta e colchoneta. Os condenados tiñan 3 pesetas e tamén os enfermos que ademáis do rancho tiñán tamén patacas”,

“Era moi triste, pasamos alí moita fame e miseria. José María Saavedra  antes de morrer estivo conmigo,  era moi amigo meu; foi unha noite longa e triste, regaloume cinco pesos e un reloxo. Era socialista, foi morto a  garrote vil. Non quixera marchar cos outros socialistas a Francia”.

Durante os anos que durou a ditadura o xeneral Franco  sempre extremou as súas medidas de seguridade. E así, cando acudía a veranear ó pazo de Meirás, facíanse redadas para apresar ás persoas que o réxime consideraba  perigosas;  durante moitos anos,  veciños da Coruña “veraneaban” no cárcere xunto a torre de Hércules  mentras  o xefe de estado facíó na  súa residencia de verán sufragada con “impostos especiais” pagados pola veciñanza da comarca coruñesa.

Nos anos sesenta e setenta do século pasado  co rexurdir  na clandestinidade dos sindicatos,dos partidos políticos e dos movemento estudiantís., volverá o cárcere da Coruña a encherse de  estudantes e sindicalistas. Dirixentes sindicais de Ferrol: Pillado , Amor Deus ou  Fina Varela;  estudantes de Santiago como Manuel Segura ou Vicente Areces, e incluso rapaces e rapazas de Instituto como Luciano Gómez ou Celsa Díaz Cabanela foron os novos “inquilinos” do noso vello edificio.

As condicións eran millores e a solidariedade externa era inmensa, a presión internacional tamén, as penas eran menores e o apoio dentro do penal era moi grande entre os internos.  O paso polo cárcere foi igualmente doloroso para os presos e as familias, pero non deixaba de ser paradóxico que ir ó cárcere era unha liberación pois saíase da comisaría onde as torturas e os malos tratos eran aplicadas polos mandos policiais sen contemplacións e con total impunidade. Como nos recorda José Manuel Díaz Montero preso no 1972.

“Na comisaría de Ferrol  vin a Rafael Pillado tras o s barrotes Deranlles unhas hostias e decíame:  non teñas medo, tranquilo”. Despois detiveron a José Manuel Díaz Montero e a Soto que “chegou coa cara ensangrentada”. Fun levado á prisión de Coruña xunto con  Ramiro Romero e o párroco de San Pablo Antonio Martínez Aneiros. No penal da Coruña coincidin con Paco Rodríguez, e con numerosos compañeiros do PC, como Álvarez Areces, Rafael Pillado, Julio Aneiros, Paco Balón, Paco Filgueiras, Anxo Guerreiro, Angel Porto e Pepolo. Tamén me aotpei a  Ramiro Tenreiro que xa torturaran cando a folga de Megasa, e chegou maltrecho ó cárcere. Fernando Miramontes chegou feito un cristo, cos ollos morados e inflamados pola violencia das malleiras e torturas que lle infrinxiron na comisaría de Ferrol: Quedei desencaixado cando o vin llegar, e  nunca se queixou. Sempre o admiré por eso. Tamén maltraran a José María Cabado, zurraranlle ben”.

O franquismo despediuse igual que como chegou. Lembrar que un mes antes do falecemento do ditador en novembro de 1975, cinco antifranquistas, entre eles  o vigués  José Humberto Baena,  que tamén estivera na prisión da Coruña, serían fusilados  pese as protestas nacionais e internacionais.

Hoxe o cárcere recorda o sucedido alí. Podemos entrar a través do blog https://memoriadocarcere.com/ que é o lugar de encontro e loita contra o esquecemento.”

Carmen García-Rodeja (A.R.M.H.)

José Lado  (Proxecto Cárcere) 

Fotos Mada Carballeira

Deixar un comentario