Xosé Manuel Iglesias Martínez, baixo a sombra do tío guerrilleiro.

Xosé Manuel Iglesias medrou nunha familia marcada pola figura dun irmán da nai, o que marcou o seu compromiso sindical e a súa militancia.

Xosé Manuel Iglesias foi o fillo máis novo dun carpinteiro de Pontedeume, asentado en Mugardos, que traballaba nas gradas de Bazán. O pai foi fusilado a principios de xaneiro de 1949 en represalia polas actuacións dun seu cuñado, Pancho Iglesias, guerrilleiro, ao que se lle atribúe a morte dun falanxista. O pai de Iglesias nome(non aparece) estaba fichado e foi detido na noitevella de 1948 e apareceu o día 3 de xaneiro morto a tiros no Cemiterio de Catabois. Toda a familia continuou a sufrir a represión pola persecución ao tío, estiveron incomunicados e tanto a nai como os tíos foron ao cárcere cando a Garda Civil matou ao guerrilleiro Pancho.

Iglesias entra en Bazán, onde estiveran o pai e mais o irmán máis vello, aos 15 anos, e vai completando a formación ata converterse en oficial de terceira axustador-montador. Lembra que, nesa altura, as condicións laborais eran precarias, especialmente na seguridade e mais na hixiene. Aos 23 anos vencéllase ao Partido Comunista E a Comisións Obreiras. A muller, Teresa, forma parte do Movemento Democrático de Mulleres.

No cárcere de A Coruña está en dúas ocasións, a primeira a finais dos anos 70, cando o estado de excepción permite as detencións libres e a Garda Civil  detéñeno e condeano a dous meses na cadea. Conta que, no cárcere, teñen un problema cos presos comúns o que o levou a unha cela de castigo e mais a unha folga de fame de 15 días, en protesta.

A segunda ocasión foi despois dos acontecementos do 10 de marzo do 72 en Ferrol, cando o deteñen e lle poñen unha multa de 150.000 pesetas. Inmediatamente, envíano ao cárcere dous meses por impagamento. Estando preso, confírmase unha condea anterior o que aumenta a pena. Deste cárcere é enviado ao de Xaén e mais ao de Palencia, onde remata a condea.

Expulsado de Bazán, onde non volve ata 1977, pasa anos complicados laboralmente, aínda que nunca deixa o seu compromiso político e sindical. En 1975 organiza CCOO na bisbarra de Ferrolterra, e despois da volta a Bazán, é elixido primeiro Secretario Xeral da Federación do metal de CCOO en Galicia.

Finalmente, vai deixando a militancia para retomar a vida familiar, que afirma que foi o sacrificio máis grande que pagou polo seu compromiso.

Fonte: Blanco Carballo, A; Bustabad Hermida, L; “Biografías obreiras de Ferrol” Fundación 10 de marzo. Volumen 1.

Deixar un comentario