
José López Bouza no ano 1936
polo seu fillo Siro
Meu pai foi albanel pero debería ser actor. Tanta era a súa vocación que con nove anos facíalles recados aos membros das compañías teatrais que chegaban a Ferrol para actuar no Jofre porque andar entre camerinos, ver como dispuñan a tremoia e os decorados, asistir aos ensaios, falar cos actores e actrices, era para el pasar ao outro lado do espello e entrar no seu País das Marabillas. Ata chegou a convencer a un grupo de que era orfo e sen familia que o cuidase, polo que podía marchar con eles. O director, home prudente, fixo algunha pescuda e soubo que o rapaz tiña pai, nai e tres irmás; xente humilde, pero boa. De maneira que, cabo de poucos anos e sen apenas estudos empezou a traballar co pai, albanel moi acreditado na cidade, que corría por <Escoa>. O alias víñalle de cando empezara a exercer a profesión porque falaba moi bo galego e para dicir a alguén que pasase un líquido dun cubo a outro, dicíalle: -Escoa aí. E Escoa quedoulle. O oficio e o alias foi o herdo que deixou ao fillo, e o alias deformado porque como ninguén sabía que era escoar, en pouco tempo meu pai pasou de <Escoa> a <Escoba>. Librou da mili <por excedente de cupo> e aos vinte anos casou con Loliña, miña nai, de dezanove e filla do zapateiro da Malata.
Meu pai era bo profesional e non lle faltaba traballo, polo que puido entrar no Real Coro Toxos e Froles para cantar na corda de barítonos e actuar no grupo de teatro. No escenario facíao tan ben, que foi protagonista nas máis das obras representadas. Manuel Lourenzo e Francisco Pillado din del que foi un excelente actor cómico, especializado no teatro de Molière, e isa foi a actividade que deselvolveu preferentemente ata que os españois se odiaron tanto que decidiron matarse. Pouco antes, durante o goberno da Fronte Popular, o repertorio do grupo de teatro de Toxos e Froles trocou as comedias por outras obras <de marcado matiz político-social> e meu pai converteuse nun actor dramático que podía representar dous papeis nunha mesma obra: de sancristán ridículo e louvamiñeiro, e de líder obreiro que botaba mítines acesos. El facíao gustoso, que estaba afiliado á UGT e tamén ao PSOE, como seguidor de Xaime Quintanilla Martínez, o político visionario que quería facer compatíbeis o socialismo e o galeguismo, e que foi asasinado o 18 de agosto de 1936.
Seguir lendo
Debe estar conectado para enviar un comentario.