O “inmundo caserón” que A Coruña sentía “oprobio” de ter por cárcere

Cárcere do Parrote. Anos 20 do século XX

O pasado mércores 26 de novembro do 2025 , asistiamos á estrea oficial de “Luz, Pedra e Cinza”, un documental producido por Nós Televisión e apoiado polo Concello da Coruña no que se facía un percorrido polos espazos da nosa cidade que o goberno local ha solicitado para o seu nomeamento como lugares de memoria (península de Punta Herminia e cárcere da Torre, casa museo Casares Quiroga e a casa Cornide). Cando nos entrevistaron para falar do penal, comentamos que antes do actual cárcere da Torre, o presidio coruñés, atopábase no Parrote, nun edificio antigo e en moi mal estado, alonxado dos modernos postulados de Concepción Arenal -moi de actualidade na época- ao que os coruñeses daquela época tiñan autentico noxo,  e non, non é unha esaxeración.

Consultando a prensa da época -anos 20 do pasado século-, podemos atopar todo tipo de adxectivos calificativos negativos referidos á prisión do Parrote, que mesturados co ton formal empregado na época resúltannos tremendamente cómicos: “inmundo caserón del Parrote”, “Bochorno perenne de todo coruñés” ou “hedionda mazmorra del Parrote” son algúns exemplos deles.

O propio director da prisión, Eugenio Gómez, referírase a ela como “la inmunda cárcel de la que, por mi suerte o mi desgracia, soy director”,  nunha carta na que defendeu a necesidade de facer desaparecer o penal, dirixida ao diario Acción Coruñesa -gran axitador do movemento a favor da construción dun novo presidio- publicada no mesmo medio o 31 de xaneiro de 1921. Imaxínanse a que se armaría hoxe día en plena época de redes sociais cunha frase así dun alto funcionario público?.

Uns días antes, o 17, o mesmo medio publica unha conversación, insistindo na necesidade de derrubar o edificio do Parrote, -co moi explícito antetítulo, “vergüenzas coruñesas”– con Luis Cornide, quen nese momento desempeñaba como oficial da audiencia, pero que tivo unha interesante traxectoria vital, sendo deputado nas cortes republicanas, membro da Real Academia Galega e primeiro presidente do Real Club Deportivo, entre outros postos destacados.

O entrevistado rememora que a primeira proposta para o novo cárcere realizárase en 1894 polo alcalde Carlos Martínez Esmorís, quen xa daquela, calificábaa de “mazmorra inmunda en parte y en parte asqueroso lupanar” cuestionándose acto seguido Cornide o como estará nese momento o edificio -nin máis nin menos que 26 anos despois-.

Un ao ler isto non pode evitar ver un paralelismo co que actualmente acontece ca súa sucesora, o cárcere da Torre, que vinte anos despois do convenio de 2005  -e dazaseis de cesar totalmente a súa actividade-, que establecía a súa cesión ao Concello, segue en mans do Estado, sen uso, deteriorándose día a día e sen visos  de resolverse en breve o envurullo xudicial no que se acha inmersa.

Os presos do Parrote aínda terían que esperar 6 anos desde a entrevista de Cornide para poder gozar dun cárcere mellor, e aínda que o vetusto edificio, para gran alegría de moitos dos nosos conveciños da época desapareceu do mapa en 1928, o oprobio que sentían por ter por cárcere un “inmundo caserón” non o fixo, pois se encargaron de que quedase inmortalizado no texto da placa inaugural da nova e moderna Prisión da Torre, onde permanece ata hoxe.

Artigo escrito por David Lozano, investigador local

Placa inagural do novo cárcere

Cárcere da torre, anos 20 do século XXI

Deixar un comentario