Josefa Varela Fontán

Featured imageVolvería pasalo todo

Ten 71 anos, vive en Ferrol e ten unha constante vida militante no Partido Comunista, unha vida de solidariedade coas mulleres e cos compañeiros traballadores. Estivo no cárcere da Coruña no ano 1972.

Naceu en Mugardos en 1941. O seu pai era garda civil e foi destinado a Huelva. Como eran varios irmáns, Fina quedou en Ferrol a vivir cuns tíos; el era xastre e ela modista. Alí aprendeu a coser. Pasou moito tempo sen que volvera ver aos seus pais.

Fina empezou mocear cun veciño que traballaba en Bazán, Manuel Amor Deus, pero aos tíos non lles gustaba e tivo que elexir: ou herdar ou seguir coa relación. Fina deixou aos tíos e marchou da casa. Puido ir cos seus país, que daquela estaban destinados en Cariño. Josefa xa tiña 16 anos.

Unha irmá enfermou de tuberculose e levárona a Ourense ao centro médico dun familiar. Fina foi acompañala e quedou alí traballando no sanatorio.

A relación co mozo foi adiante e casou pouco tempo despois no pobo onde estaban vivindo os seus pais: “Casei con Amor en Cariño”.

Ao pouco tempo viñeron vivir a Ferrol e tiveron ao ano seguinte un fillo.

Bazán

En Bazán había máis de seis mil traballadores. “Daquela tiñamos trato con xente do PC, incluso o meu sogro fora militante antes de ser garda municipal”. O su home Manuel Amor, nunha noite que tivera que facer horas extras, viu como morrera un compañeiro ao que quería moito. Impresionado decide pedir o carné do Partido para reivindicar a súa causa”

fina 72 fumandoTamén Fina se fai do Partido comunista: “Viñera Vicente Areces e foi con quen traballabamos para a concienciación política”.

Reúnense con mulleres na casa de Fernando Miramontes. “Discutiamos e reivindicabamos que houbera gardarías, tamén repartiamos víveres coas que máis o necesitaban”, relata. As accións na rúa tamén se facían e peches ou manifestacións solidarias. “Estabamos en todos os fregaos”.

O 9 de marzo de 1972, coas manifestacións dos obreiros de Bazán, as mulleres foron a soildarizarse e impedir que a policía levara a alguén. “Eu non quería que houbera alboroto, quería que fora pacífica; a miña compañeira Mela que era peixeira, e que non paraba de berrar, díxome: ‘señorita de merda’. Na calle Real estaban levando a Marisol Miraz detida, eu achegueime para impedilo e leváronme a min tamén”

-“Te voy a pegar un tiro que te voy a volar la cabeza”, díxolle o policía.

“Despois deixáronme diante do cuartel. Meu pai veume buscar e deixáronme marchar. Querían que marchara dormir a casa de Eduardo, pero faltábanos Encarna, a muller de Rioboó … Na plaza de España había tiros pero non sabiamos o que pasara, os maridos estiveran alí pero non sabiamos o que pasara, ao chegar vimos a Amador Rey xa morto e dixéronnos que Julio Aneiros estaba ferido”, recorda.

A partir dese momento, a policía estaba apostada diante das casas dos líderes máis representativos. “Eu saía da casa disfrazada e con peluca. Un veciño dixo ‘’Quen é esa con pinta de puta que sae da casa de Manolo e Fina?”.

E empezaron os rexistros. “A multicopista estaba na casa de Encarna que tiña o seu home, Rioboó, no cárcere. Había que desfacerse dela, así que fomos Sari e eu á suá casa para que non nos seguira a policía, e fomos por todo Ferrol cos gardas detrás. Mentras, Encarna saiu coa multicopista envolta nunha manta a escondela”.

Deciden ir entregarse a Coruña Encarna e Rioboó e Fina e Manuel Amor. “De camiño fomos xantar, e comemos carne asada; Manolo pedía de postre tamén carne asada. Habíaa necesitala!”

O cárcere

“Fun a prisión porque no quixen pagar a multa. Antes pasei polo xuzgado nº 2 do Ferrol [onde agora está o Ateneo] pero había un xuíz que era moi decente e non permitía que lle chegara xente con malos tratos. Era amigo de Julio Aneiros e esixía sempre que os detidos tiveran un informe médico que os facían os doctores Couce Doce ou Quintanilla”

“Cando cheguei ao cárcere todas empezaron a aplaudir”, recorda Fina.

Non ten mal recordo do tempo no cárcere. Estaba con xente coñecida. Eran camaradas e sentíase segura. Estaba no módulo de mulleres, eran catro as políticas: Rosario Alabao, Manuela Valcárcel, Encarna e Victoria Díaz Cabanela; había sobre dez presas comúns, eran mulleres que abortaran ou que favoreceran abortos. “Sempre estaban chorando”.

“A comida era moi ruíña pero viñan moitos camaradas e familiares e traían de todo; e todo o compartiamos coas compañeiras. Había solidaridade por todas partes. De todas partes viñan axudas, cando estaba no cárcere hasta me mandaran un poncho de México”, relata.

Tamén faciamos clases de alfabetización e de costura coas presas, e bordabamos para pasar o tempo. Gustábanos moito cantar cancións contra o Réxime e queríannos sancionar e claro, negabamos que cantáramos esas cancións.

Volta a Ferrol

Ao pouco de saír do cárcere, o seu neno de 7 anos morre nun accidente de coche e iso si foi difícil de superar – ainda hoxe dóelle-. O home segue no cárcere e non lle permiten asistir ao enterro. Fina foi sobreviviendo e foi contratada por un médico amigo, en Fene e foi o seu traballo durante moito tempo.

fina 2015

Estudiou e fixo formación profesional de rama sanitaria. Estaba afeita a traballar, estudiar e atender a familia.

Continuou coas mulleres e colaborando coa caixa solidaria que se administraba a través de Cáritas. Alí chegaba axuda de todo o mundo, de Suiza, de Holanda…

Fina segue crendo nas ideas de libertade e de igualdade. Nunca deixou de ter militancia activa e continúa crendo nos seu ideais: “Estou satisfeita do que fixemos. Contenta do que representamos e do que éramos: loitadores, honrados e traballadores”.

                                                      Entrevista realizada o 21 de febreiro de 2015 . CG-R
Advertisements

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s