Avelino Rivas Pombo, antifascista!

avelino rivas pombo foto.jpg“Natural de Corme (Ponteceso), Avelino naceu en 1916. En 1936 estaba solteiro e tiña a profesión de xornaleiro. Durante a guerra civil española incorporouse á 1ª Compañía do 4º Batallón, na 1ª Brigada Mixta Lister, ademais de loitar no Batallón de Milicias Populares Galegas, do Exército republicano. Así mesmo, estivo subscrito á revista Nova Galicia, portavoz dos antifascistas galegos. Coa derrota do II República, Avelino refuxiaríase en Francia.

En agosto de 1939 permanecía ingresado no campo de concentración de Argelés; posteriormente regresou a España, onde traballou na construción naval nas bancadas dos estaleiros ferroláns.

A principios do 1945, Rivas Pombo tiña afiliación comunista e o domicilio na Coruña, rúa San Roque de afora, 25, baixo, aínda que no mes de maio de 1945 residiu transitoriamente na fonda O Catro Vilas Ourensás, sita na coruñesa rúa de San Andrés, número 21.

Declarado antifascista, entre 1944 e 1945 exerceu de ligazón da guerrilla antifranquista. Neste último ano, Francisco Caridad Mateo e José Gómez Gayoso, alcumado como Juan, enviados polo PCE, hospedáronse na Coruña, rúa Pontenova, 5 baixo, vivenda na que residía Abel García Sánchez, sendo este último detido pola policía o 11 de maio de 1945, xunto con Eduardo Sánchez Lago, propietario do Bar Luz, de Vereda del Polvorín, 2, e de Avelino Rivas Pombo, acusados de actividades subversivas contra o Réxime franquista.

Edelmiro (alcume de Rivas Pombo) e os seus compañeiros de infortunio foron torturados e encarcerados o 17 de maio na Prisión Provincial coruñesa. Polas declaracións dos detidos, a Policía franquista apresaría a José Blanco Núñez, Ferreirín, Manolito Bello, José Soto Pombo e ao primo irmán de Avelino, Francisco Cousillas Pombo, aínda que Rivas sería posto en liberdade o día 19 de xuño seguinte sen cargos.

avelino rivas pombo bandera.gif

Francisco Caridad, que utilizaba o nome de Manuel Vidal García, foi detido no mes de novembro seguinte e trasladado despois a Madrid xunto con Alfonso Bengoa Ibabe e Práxedes Garcés de Mingo. O fillo do Xeneral Caridad Pita chegara daquela cidade para axudar na súa loita á IV Agrupación Guerrilleira de Galicia liderada por Marrofer, aínda que pronto foi detido ó seu regreso a Madrid cando trataba de entrevistarse co comité central do Partido Comunista na capital de España. Con esta detención, e as de Isaac Vázquez, José Manzanares e Carretero, Rivas Pombo viuse obrigado a fuxir da Policía e da Garda Civil e manterse na ilegalidade, incorporándose á guerrilla do monte en decembro de 1945. E na súa loita, continuando no comité provincial do Partido Comunista e no comité da Unión Nacional do Ferrol, nunha ocasión logrou evadir o cerco da Garda Civil xunto con Foucellas, con Manuel Díaz Pan, Emilio Pérez Vilariño, José Dasilva, co seu primo irmán Francisco Cousillas e con Pedro Calvete cando foron sorprendidos no lugar de Milreo-Fervenzas o 26 de xuño de 1946, en cuxo encontro faleceron os destacados Marrofer e o Tenente Freijo, así como José Doldán.

Foron moitas máis as súas intervencións en sabotaxes e en enfrontamentos armados e nas sancións económicas impostas aos que se significaban franquistas. De calquera forma, a permanencia no monte daquela marcaba para os antifranquistas o próximo fin da súa existencia e de todos os que dalgunha forma, en condicións moi precarias, enfrontábanse ao inclemente réxime ditatorial de Francisco Franco. E, como non podía ser menos, O Edelmiro caería abatido polas balas dos seus perseguidores nos montes de Arabaxo-Buján, na zona de Tordoia, o 22 de maio de 1947 cando a Garda Civil tendeu unha trampa ós guerrilleiros despois de recibir unha delación, cousa moi común naqueles tempos. Foi o fin dun soldado do Exército da República española, un soldado de Corme. Un máis dos moitos valentes guerrilleiros que caeron abatidos polas forzas de Francisco Franco.”

Artigo de Luís Lamela en La Voz de Galicia ( 10 -III-2005)  fotos do autor

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s