Benigno Andrade “Foucellas”, un dos últimos resistentes en Galicia

foucellas

Cunha vida lexendaría o nome do seu alcume: “foucellas” pasó a ser sinónimo da xente do monte. Foi detido no ano 1952 – despois de moitas fuxidas- e levado ó cuartel da garda civil de Betanzos e visitado polos veciños que o querían coñecer, despois foi levado á Coruña . As súas peripecias merecen quizás un filme.

Benigno Andrade García, “Foucellas”, naceu nunha aldea da parroquia de Cabrui -da que tomou o nome- o 22 de outubro de 1908. Xove ledo e extrovertido, foi campesiño e transportista nunha leiteiría en Curtis, a onde retornaría despois de ser mineiro en Fabero (O Bierzo).Ó voltar a Curtis, aquel home de estatura baixa, delgado e pelo rizado, casou con María Pérez Mellid; de seguida entrou en contacto coa célula comunista montada na vila polo doutor Calvelo e a súa dona Isabel Ríos. Co levantamento militar de 1936, o 20 de xullo enrolouse nunha columna para axudar aos resistentes de A Coruña; mais, ante a imposibilidade de facer algo práctico, retornou a Curtis. Desde ese primeiro momento da guerra, Benigno botouse ao monte, sendo chamado a filas e declarado prófugo en plena contenda.

Na evolución da loita armada de Benigno Andrade pódense distinguir tres etapas: a) desde o final da guerra ata 1943, na que actúa en solitario; b) a etapa de maior implicación política, que coincide coa súa integración na IV Agrupación e a dirección da V Agrupación, entre 1943 e 1948, e c) unha etapa final na que, retornado ás súas terras de orixe -despois de que o PCE ordeara rematar a actividade guerrilleira en outubro de 1948-, Benigno sobrevivíu en solitario, como nos primeiros tempos.

En 1941, a Garda Civil considerou que estaba á fronte dunha partida de guerrilleiros da área Sobrado-Arzúa. Unido ao grupo do Tenente Freixo en 1943, actuou sobre todo na zona de Curtis e Ordes.

A partires de que o PCE decidíu apoiar a loita armada antifranquista, en 1943, Foucellas implicouse na participación en sabotaxes e asaltos, choques armados e requisas de armas. En 1945, Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, captou a Foucellas e foi quen de crear a IV Agrupación Guerrilleira de Galicia -que operaba na provincia da Coruña.

Ferido a cabalo pola súa propia arma en 1945, Foucellas foi operado clandestinamente no sanatorio San Nicolás de A Coruña; permaneceu convalecente nunha casa do barrio de Monelos durante case seis meses e retornou á loita.

Coa caída de Manuel Ponte en abril de 1947, Foucellas foi nomeado xefe, para responsabilizalo, da V Agrupación, que actuaba na provincia de Pontevedra. Para o norte de Pontevedra saíu Benigno Andrade en 1948, poñéndose ao mando de máis dunha ducia de homes, aos que dividíu en dous destacamentos ata a morte de Corcheiro, en abril de 1948, o que levou a Foucellas a reunificar as súas forzas; este período ven caracterizado por diversos actos de sabotaxe en Lalín e A Estrada e a morte do falanxista Cuñarro e dun oficial da mariña mercante en Taragoña (Rianxo). Finalmente, unha boa parte dos membros da V Agrupación perderon a vida nun enfrontamento coa Garda Civil en Loureiro-Teo, en maio de 1948. Foucellas fuxíu para a súa terra e alí andivo escapado ata a súa captura.

Benigno Andrade foi detido despois dun encontro coa Garda Civil o 9 de marzo de 1952 na Costa-A Regueira (Oza dos Ríos). Ferido, foi trasladado a Betanzos. O 17 de marzo foi ingresado na prisión provincial de A Coruña. Alí permaneceu ata a celebración do Consello de Guerra contra del o 26 de xuño de 1952, no que foi condeado a pena de morte, ademáis de deber aboar aos herdeiros das súas vítimas a cantidade de 450.000 pesetas da época e 34.500 pesetas ás persoas que fosen obxecto dos roubos a man armada perpetrados por el. A Foucellas fóronlle imputados ducias de delitos non cometidos, moitos deles coincidentes no tempo e separados por quilómetros.

Ao Consello de Guerra presentouse Benigno Andrade coxeando visiblemente da súa perna dereita e apoiado nun caiado e nunha muleta. Nunha visita realizada polo comandante médico José María Gómez-Ulla y Lea, do servizo de cirurxía, o 2 de xuño, sen embargo, testemuñábase que Foucellas “estaba curado anatomicamente das súas feridas”, se ben a perna lle quedara acurtada aproximadamente “nuns cinco centímetros”.

O axustizamento –por garrote vil- de Foucellas tivo lugar na prisión provincial de A Coruña ás 7 da mañá do 7 de agosto de 1952, despois de ter pasado a noite anterior cos seus fillos menores de idade Pepiña e Serxio

A súa filla Pepiña lembra:

Antes de que o executaran, un ministro co cal tiñamos amigos en común (asegurou non lembrar o seu nome, pero que era manco), díxonos que ían intentar que se atrasase a execución antes de que viñese Franco a pasar o verán ao pazo de Meirás, para que eu puidese ir falar con el.”

Un compañeiro da prisión de A Coruña, o guerrilleiro Couto Sanjurjo lembra:

“Saiamos ao patio da prisión moitas veces xuntos. El ía con muletas, xa que non estaba recuperado da ferida que lle produciron os disparos da Garda Civil o día da súa detención. Tiña un pé cinco centímetros máis baixo que o outro e tratárao o doutor Gómez Ulla, médico militar (…) Benigno tiña metido na chola que o ían matar. Nós decatámonos da confirmación da sentenza a noite anterior (matárono ao día seguinte ás seis da mañá). Chegara Mariano, o famoso verdugo de Burgos e aplicáronlle garrote vil.
Varios oficiais da prisión estaban en contra da execución, pois pensaban que xa non era época de seguir matando á xente en España si de verdade quería ser admitida no mundo occidental. Na mañá da execución, cando fomos almorzar e pasamos pola cociña, vimos tiradas no chan o bastón e a muleta de Benigno. Durante a nosa estadía no cárcere pareceume unha persona cun carácter moi especial. Sempre estaba ledo, ou tentaba estalo. Tiña unha persoalidade atractiva e facíase querer.”

Pepiña, a filla quería que o seu pai tomara alcohol para facerlle máis benigna a morte. Él respostoulle :

Tranquila. Non quero beber, non quero estar borracho porque morro consciente de que morro polas miñas ideas e pola liberdade, que eu non vou ver, mais agardo que vós, os meus fillos, poidades disfrutar algún día“.

Benigno Andrade foi enterrado nunha foxa común no cementerio da Coruña.

Xose Antón Garcia

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/ofreci-conac-padre-anestesiarlo-antes-garrote-vil/idEdicion-2008-10-28/idNoticia-358453/
http://paisajesdelaguerrilla.blogspot.com.es/2010/04/galicia-vida-y-muerte-de-foucellas.html
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/06/05/2744329.shtml
http://praza.gal/lecer/1696/foucellas-o-mito-que-se-apagou-hai-60-anos/
http://anosahistoria.blogspot.com.es/2010/01/foucellas-unha-noite-do-48.html

3 thoughts on “Benigno Andrade “Foucellas”, un dos últimos resistentes en Galicia

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s