Avelino Rivas Pombo

avelino rivas pombo foto.jpg“Natural de Corme (Ponteceso), Avelino naceu en 1916. En 1936 estaba solteiro e tiña a profesión de xornaleiro. Durante a guerra civil española incorporouse á 1ª Compañía do 4º Batallón, na 1ª Brigada Mixta Lister, ademais de loitar no Batallón de Milicias Populares Galegas, do Exército republicano. Así mesmo, estivo subscrito á revista Nova Galicia, portavoz dos antifascistas galegos. Coa derrota do II República, Avelino refuxiaríase en Francia.

En agosto de 1939 permanecía ingresado no campo de concentración de Argelés; posteriormente regresou a España, onde traballou na construción naval nas bancadas dos estaleiros ferroláns.

A principios do 1945, Rivas Pombo tiña afiliación comunista e o domicilio na Coruña, rúa San Roque de afora, 25, baixo, aínda que no mes de maio de 1945 residiu transitoriamente na fonda O Catro Vilas Ourensás, sita na coruñesa rúa de San Andrés, número 21.

Declarado antifascista, entre 1944 e 1945 exerceu de ligazón da guerrilla antifranquista. Neste último ano, Francisco Caridad Mateo e José Gómez Gayoso, alcumado como Juan, enviados polo PCE, hospedáronse na Coruña, rúa Pontenova, 5 baixo, vivenda na que residía Abel García Sánchez, sendo este último detido pola policía o 11 de maio de 1945, xunto con Eduardo Sánchez Lago, propietario do Bar Luz, de Vereda del Polvorín, 2, e de Avelino Rivas Pombo, acusados de actividades subversivas contra o Réxime franquista.

Edelmiro (alcume de Rivas Pombo) e os seus compañeiros de infortunio foron torturados e encarcerados o 17 de maio na Prisión Provincial coruñesa. Polas declaracións dos detidos, a Policía franquista apresaría a José Blanco Núñez, Ferreirín, Manolito Bello, José Soto Pombo e ao primo irmán de Avelino, Francisco Cousillas Pombo, aínda que Rivas sería posto en liberdade o día 19 de xuño seguinte sen cargos.

Seguir lendo

Advertisements