Paco Balón foi definido por amigos e compañeiros de partido comunista como revolucionario nobre, honesto e desinteresado; loitador incansable, emblema do comunismo galego e do movemento obreiro pola loita antifranquista e pola democracia.
A Verdade, a Honestidade e a Dignidade eran as tres regras de conduta que, segundo el, debían conducir todos os seus actos, guiados polo servizo aos demais. Estivo en dúas ocasións no cárcere de Coruña, nos anos 1970 e 1972, despois dos acontecementos do 10 de marzo
“En marzo do 72, coincidimos, porta con porta, nos calabozos de comisaría. Recordo a súa voz, ao outro lado do muro, procurando alentar unha vontade a punto de quebrarse”
Entendía a liberdade como un dereito inalienable, e a Política e a Cultura os instrumentos necesarios para acadala, o que o levou a preocuparse pola súa formación como un insaciable autodidacta, e a participar na constitución do Partido Comunista en Ferrol, pois para el o Marxismo constituía a filosofía xusticeira e solidaria.
Cultura e Partido: instrumentos para a liberdade
Naceu “no seo dunha familia de xentes do campo, de padre analfabeto e nai que pouco máis sabía que ler”. Como as necesidades obrigaban, e era o maior de tres irmáns, tivo que contribuír ás tarefas do campo: “hai que manexar apeiros de labranza, coidar e atender os animais domésticos, hai que levar leña para vender, trepar aos pinos para recoller piñas e vendelas. O traballo de campo é un cúmulo de esforzos e sacrificios que só coñecen os mozos que viviron naquela dura época”
Esta situación deixoulle pouco tempo para o estudo, asistindo á escola pública dúas horas polas noites desde os seis ata os doce anos. Estudos máis disciplinados e rigorosos comezaron cando ingresou, a esa idade, na Escola Obreira de Bazán, onde se impartía un ensino severo, con castigos corporais e unha auténtica ditadura relixiosa: “os libros ditábanse de acordo coa mentalidade do réxime para forxar unha xeración de fillos obreiros adictos ao sistema. Esta parte dos estudos foi a máis terrorífica durante os dous anos que pasei alí”
Aos catorce entrou de aprendiz no taller de armadores de Bazán, empresa de construción naval, onde se atopou con operarios con certo nivel cultural, sobreviventes da Guerra Civil, que comezaron a desempoar os libros que tiñan escondidos. Compartíanse lecturas, realizábanse charlas e discusións no centro de traballo, conferencias entre grupos reducidos de traballadores en camarotes dos buques en construción, aprendíase a debater e a razoar:“Bazán nutre as formacións clandestinas de homes combativos e loitadores pola liberdade e a democracia (…) A vida alí vivíase como unha universidade para os mozos”

No ano 51, con vinte e un anos, e tras licenciarse do servizo militar e incorporarse a Bazán, iniciou o seu compromiso real coa actividade política, da man de Francisco Filgueiras, recollendo sinaturas para solicitar a liberdade e amnistía para os detidos políticos.
Nos 27 anos que formou parte do Partido Comunista (desde 1951 ata 1978), participou dos fitos máis importantes da fundación do PC de Galicia e de Comisións Obreiras: reunións clandestinas en París con dirixentes do PCE; primeira reunión do comité central do PCG en novembro de 1970; xurado no Sindicato Vertical de Bazán desde o ano 66 ata o 69, entre outros. Así mesmo, foi o principal responsable das comisións de organización, propaganda e finanzas do Comité Local de Ferrol: “cada quince días editábanse 300 exemplares de Mundo Obrero e 500 de 10 de marzo. En accións de propaganda chegáronse a tirar ata 20.000 panfletos”
Coa maior parte dos dirixentes do Partido e de Comisións Obreiras cumprindo condena en prisión, despois dos acontecementos do 10 de marzo de 1972, responsabilizouse do Comité Local de Ferrol, xunto con Fernando Miramontes, algúns cadros de comunistas que traballaban en CC.OO. e as mulleres máis activas dos compañeiros detidos, reestruturando toda a organización e xerando novos cadros dirixentes.“O traballo que naqueles días se realizou foi dunha intensidade incrible (…) Sen un ideal, sen unha utopía, non é posible desenvolver semellante capacidade de traballo e ilusión. Para nós, o ideal era o marxismo e nel poñiamos a nosa fe”i
Desde a confianza absoluta depositada no proxecto político, asumiu sempre as directrices do Partido, entre elas: a reconciliación nacional, lanzada polo PCE no ano 56, motor da loita contra a ditadura; a participación nas eleccións sindicais do antigo Vertical; e a abstención no referendo de 1976 para a aprobación da Lei de reforma política. Un ano máis tarde, despois da legalización do PCE, non ocupou ningunha responsabilidade no seno do partido, cesando a súa representación no Comité Local do PCG de Ferrol a mediados de marzo de 1977, aínda que seguiría desenvolvendo tarefas en propaganda e finanzas ata finais abril. A partir desa data, participou como invitado en reunións do Comité Central e como membro da comisión de finanzas ata abril do ano 78, cando pasou a integrar a militancia de base de Bazán, pagando as súas cotas ata que se dividiu o partido.
O seu paso polo cárcere da Coruña
Detivérono en varias ocasións, sufriu rexistros na súa vivenda, interrogatorios, malos tratos por parte de policías, multas… e estivo preso en dúas ocasións no cárcere da Coruña: a primeira, a raíz do proceso de Burgos e do estado de excepción decretado, polo que foron: “detidos en Ferrol o 28 de decembro de 1970, día dos Santos Inocentes, Fancisco Filgueiras, Julio Aneiros, José Rabina Vilasánchez, Rafael Pillado, José Manuel Iglesias e Paco Balón. Fomos enviados a prisión da Coruña onde nos encontramos cos membros das Xuventudes de Ferrol que esperaban xuízo por asociación ilícita. Chegamos a facer unha folga de fame que durou seis días. Despois dun mes de estadía no cárcere, comunicóusenos a catro que sairiamos en liberdade, dun en un, e que teríamos que presentarnos todos os días en comisaría.
O primeiro en saír fun eu. Eran as cinco da tarde. Tivéronme na comisaría de policía da Coruña ata as dez da noite. Estiven sometido a interrogatorio por tres persoas: o comisario xefe, señor Piñeiro, o comisario de investigación social, señor Salleres e o señor Paradela. A este último dixéronlle que se marchara xa que estaba baixo sumario do xuíz que o procesara por agresión a un detido. Ás dez collín o coche de liña para Ferrol. Informados os compañeiros detidos do meu interrogatorio, negáronse a saír desa maneira, quedando en prisión todo o tempo que durou o estado de excepción, que foron seis meses”
A segunda a raíz dos acontecementos do 10 de marzo de 1972, cando toda a dirección de Comisións Obreiras, o Comité Provincial e o Comité Local do Partido Comunista acabaron no cárcere. Os que tiñan multas menores foron saíndo ao mes de estar detidos, entre eles Paco Balón, a quen impuxeron unha multa de 50.000 pesetas.
Destas dúas estancias en prisión non constan reflexións nas súas memorias, máis que o que aquí se presenta.
Mereceu a pena tanto sacrificio?
Con esta pregunta remata as súas memorias, e responde: “Si! Pola miña parte, estou convencido de que si mereceu a pena. O home debe defender a súa Dignidade, a súa Liberdade e a Verdade, aínda que lle custe un traballo imposible”.
Laura Cruz