Da
“casa da felicidade” ó asesiñato
Nado na Coruña en 1897. Con vinte anos rexenta a libraría de Arte na rúa Real da cidade coruñesa, lugar que lle serve tamén de primeiro obradoiro como pintor e ilustrador. Casa con Syra Alonso o 19 de novembro de 1920, unha muller da burguesía coruñesa.
Vivirán en París, A Habana, México e Madrid. Nestas viaxes entrará en contacto con figuras destacadas das artes e as letras: Diego Rivera, Luís Seoane, Einsenstein, Georges Braque, César Vallejo ou Ida Gradowska.En 1935 xa están na que vai ser a derradeira residencia do pintor, a súa “casa da felicidade” en Santa Cruz de Oleiros. Nas memorias da súa muller, Syra, atopamos o relato dos derradeiros días do pintor, é unha crónica conmovedora polo seu carácter de documento, de evidencia do que significou a barbarie do fascismo.
Agosto e setembro do 36, cárcere e morte
O dous de agosto de 1936, ao amencer, un home avisa a Syra que ten orde de deter a Francisco Miguel ás oito da mañá. Unha hora despois el fuxe da súa casa. O catro de agosto de 1936, ás seis da tarde, a súa muller recibe a nova de que o seu home está detido no cárcere da Coruña, comunícallo un mariñeiro de Santa Cruz. O día xa empezara mal pois acompaña a outras mulleres do pobo a recoller seis cadáveres na praia de Bastiagueiro.
Inmediatamente sae andando cara A Coruña pois había folga no transporte. Cando chega ao cárcere só a boa disposición do director permítelle ver a Francisco Miguel.
Falan de moitas cousas co obxecto de ocultar o que estaban a vivir. Segundo Syra, dor e serenidade é o que transmitía o seu home neses momentos que estiveron xuntos. Syra visita a diario no cárcere ao seu home, chea de anguria pois todos saben o que pasa alí polas noites cando sacaban os presos que aparecían despois desfeitos a golpes e tiroteados.
Syra chama a todas as portas para conseguir a súa liberdade e infórmanlle da acusación: un tenente acúsao de dirixir a 50 campesiños armados para erguerse contra o exército nacional, ademais de ser un coñecido marxista e “amigo de comunistas”. Syra sabe que o tenente que o denuncia estaba apartado do exército pola lei Azaña e precisamente fora a intervención do seu home a que o salvara de ser asasinado nos primeiros días da guerra. O 15 de agosto, grazas ao comandante San Román e ao director do cárcere, Syra consegue a liberdade de Francisco Miguel. Esa mesma noite aparecen na súa casa varios homes co obxecto de levalo, Francisco Miguel encárase con eles e consegue que marchen. Sabe que non está seguro en Santa Cruz e marcha cara A Coruña instalándose nunha pensión da rúa de Mariño. Días de medo e dor.
Coñecen a nova do asasinato do seu amigo Luis Huici e o 30 de agosto o fusilamento do alcalde coruñés Suárez Ferrín xunto con cinco homes máis. Francisco Miguel négase a fuxir da cidade. Os dous xuntos na pensión saen pola mañá, pasean e volven á noite. O 18 de setembro, a última noite que pasarán xuntos, Francisco Miguel, despois de pasear polo xardín de San Carlos e sentarse no cruceiro da praza das Bárbaras, le na habitación poemas de León Felipe.
O 19 de setembro de 1936 cinco axentes da Brigada Social entran na habitación da pensión e lévano detido. Da comisaría pasará ao cárcere ese mesmo día. Esa mesma noite a súa muller faille chegar a cea. Ao día seguinte, o director non lle permite velo pois non é día de visita aos presos políticos. Syra non marcha e espera ata que grazas a un oficial da prisión pode estar con el, quince minutos. Nese temnpo so falan de cousas bonitas: dos nenos, de flores, de paxaros…
O 21 de setembro volve velo, esta vez no locutorio onde se xuntan uns oitenta presos e cen persoas máis. O día seguinte Francisco Miguel xa non está no cárcere, lévano ao cuartel da Garda Civil. Alí o visita de novo a súa muller, nun cuarto onde hai outros cincuenta prisioneiros. Volverá a velo o día 24. Pocuo despois un garda civil dille a súa muller que vai quedar libre, el tamén xa o sabe. Son horas de esperanza.
O 26 Syra presenza o intento de suicidio dun prisioneiro mentres está no cuartel da Garda Civil. Dinlle que non quedará libre o seu home; terá unha condena de cadea perpetua, permítenlle estar con él ata pola noite. E afirman que, novamente, vai quedar libre, que lle traia cousas para asealo e afeitalo, ás tres da tarde están xuntos . Ó día seguinte, cando chega ao cárcere, Francisco Miguel xa non está. Uns dinlle que vai camiño da prisión de Burgos, outro garda afirma que a Cáceres; pero cando lle devolven cousas de Francisco Miguel entre elas está un peite, que era o sinal que acordaran para que ela soubera que correra a mesma sorte que moitos dos seus compañeiros.
Nos seguintes días ninguén lle dá a Syra novas do que ocorrera; só por medio do gobernador da Coruña sabe que “quedou” na parroquia de Bértoa. Alí a súa muller firmará o certificado de defunción o día 30 de setembro de 1936 onde indican como causa da súa morte un “colapso cardíaco”. O seu cranio desfeito, tres balas no corpo e as máns serradas ou curtadas a machete (como as do seu amigo o tamén pintor Luís Huici) son as que provocan ese “colapso cardíaco”.
Francisco Miguel foi soterrado no cemiterio de Bértoa. Syra Alonso, cos seus tres fillos, marchará cara ó exilio en México no ano 1942. Morrerá en México en 1970.
O poeta Miguel Anxo Fernán Vello adicoulle un fermoso poema
Fonte: ALONSO BRUFAU, Syra: Diarios. Ed. A Nosa Terra. Vigo, 2000.
http://landoas.blogaliza.org/files/2009/08/syra-alonso.pdf
Jorge Calle