“Esther Casares Quiroga nunca foi procesada, nin expedientada, nin se lle tomou declaración para un sumario…o único delito era ser filla de Santiago Casares Quiroga.

Nace en Madrid o 17 de xullo de 1910, froito da relación de Santiago Casares coa dona da pensión onde se aloxaba mentres cursaba os seus estudos de Dereito. Faise cargo dela fai cargo dela e traea pra Coruña ese mesmo ano, sendo coidada na primeira infancia polos seus padriños.

Formouse academicamente en Paris, onde acudiu ás clases do Lycée Victor-Duruy mentres residía en réxime de internado en Versailles.
Ao regresar de Francia, instálase na casa familiar de Panadeiras, 12, e residirá sempre coa familia, con moita complicidade coa súa madrasta, Gloria Pérez Corrales e con María, a súa media irmá (12 anos máis nova). A familia trasládase a Madrid, cando Casares é nomeado Ministro da Mariña, e alí casa co capitán de cabalaría Enrique Varela Castro, sendo Gloria a madriña da voda. O 1 de abril de 1932, nace a súa filla, Mª Esther Varela Casares.
O golpe de estado colle a Esther, Cuca e Enrique veraneando no chalé familiar dos Varela en Bañobre. Enrique consegue fuxir nos primeiros días, pasando á zona republicana. Ela ten que se entregar o 2 de setembro do 36 á Garda Civil en Miño, e é enviada a Ferrol. Publícase unha nota oficial de prensa dicindo que será “liberada” cando o seu pai ou o seu marido se “presenten a recollela”. Posteriormente e, malia padecer de tuberculose crónica, Esther será enviada á prisión provincial da Coruña, onde permanecerá durante boa parte da guerra.

En agosto do 39 queda en liberdade vixiada, debendo acudir diariamente á Capitanía Xeneral, presentando unha especie de “diario” no que constase todo o que facía, a onde ía e con quen falaba…
Vivíu coa súa filla dezaseis anos de arresto domiciliario, no número 16 da rúa da Franxa (casa dos avós paternos). Tiña a correspondencia controlada e sempre foi obxecto de seguimento policial. Viviron como dúas persoas apestadas. Ninguén as saudaba. Contaron unicamente coa colaboración dalgúns amigos do pai, entre eles, o doutor Enrique Hervada, que as atendeu sempre sen cobrar e lles facilitaba os medicamentos.
Non poderán saír do país até 1955, ano no que despois de reunirse con María en París, marcharían cara México onde se encontraba exiliado o seu marido.
Esther Casares Quiroga faleceu no exilio mexicano o 15 de xaneiro de 1969.”
de acorunhadasmulleres.gal