Camilo de Dios foi preso en maio de 1949 e esperou na cela dos condeados a morte.
“Na Coruña estiven ata setembro do 50. A vida no cárcere da Coruña era moi mala. Tivemos a sorte que estabamos condeados a morte e dábannos algo mellor de comer que aos outros. Dábannos unha racionciña mellor que aos outros. Os domingos dábannos un ovo frito con pataquiñas e iso xa era moito. Tiñan estipulado tres pesetas para cada preso, para roupa, luz… Todos os gastos que ocasionaba no cárcere e comida, claro. O enfermo tiña sete e nós tiñamos a ración de enfermo. Pero pasábase moita fame e moito frío.”