
Elvira Bao Maceiras naceu o día 20 de maio do ano 1890 na Casa de Baños de Dorrego no barrio de Riazor. Despois de rematar a carreira de maxisterio na Escola Normal de A Coruña tivo intención de cursar os estudios de Pedagoxía en Madrid, pero as posibilidades económicas da familia non llo permitiron.
A primeira vacante que lle apareceu foi na escola da Silva (barrio coruñés que daquela era case una aldea remota), pero seu pai non a deixou ir porque pensaba que non era un destino apropiado para una moza. Anos despois fixo algún tempo escola en Redes (Ferrolterra) nun Centro creado polos indianos.
O primeiro de maio de 1920 empeza a traballar como mestra do Sanatorio Marítimo de Oza, na Coruña, dependentes do Ministerio de Sanidad y Consumo, posto que ocupa ata o mes de xaneiro de 1922, cando é nomeada mestra Permanente. Poucos meses antes do golpe militar do 1936 foille asignado o posto de Directora.
Fóra do seu traballo Elvira gustaba moito da música, en especial da zarzuela Maruxa, do teatro e dos documentais sobre a natureza que proxectaban no cine Avenida da Coruña.
A súa relación coas Irmandades da Fala nace ao mesmo tempo que o seu noivado e posterior matrimonio con Bernardino Varela Docampo, nese momento secretario das Irmandades e da revista A Nosa Terra.
A vida transgresora
A vida política de Elvira corría parella á do seu home, co que compartía as actividades galeguistas e as ideas republicanas. Foi presidenta da Agrupación Republicana Femenina con sede na Coruña.
A principios do mes de agosto de 1936, cando había quince días que o seu home saíra da cadea, foron deter a Elvira á súa casa da Avenida de Rubine e levárona a pé, á unha e media do mediodía, por toda a Avenida da Marina ata a Dirección General da Policía. Neste lugar estivo tres días e tres noites ata que chegou a orde do seu traslado ao cárcere de A Coruña.
Acusáronna, sen xuizo previo, por participar activamente, a través da militancia política, na expansión da ideoloxía republicana.
A esta represión física seguiulle a depuración profesional que a apartou definitivamente do maxisterio desde o 13 de agosto de 1936.
O exilio interior
Xa de volta á casa resultou imposible acadar a normalidade. Os falanxistas aparecían en calquer momento, incluso de madrugada; co único fin de preguntar día tras día quén vivía alí e a que se dedicaban.
A represión económica legalizada co Decreto nº 108 do 13 de setembro de 1936 no que se establece a posibilidade de embargar os bens dos contrarios ao Movemento como pago polas consecuencias da guerra, complicou aínda máis a vida de Elvira.
Finalmente, fuxindo do medo e porque xa non podían pagar o aluguer, a familia trasladou o seu domicilio o 28 de setembro de 1937 para San Roque de fóra. Alí abriu Elvira unha escola e traballou nela ata que quedou cega. Morreu un 26 de abril de 1971.
Isabel Rivas Barros