“A Coruña conta cunha Oficina de atención e asesoramento ás vítimas do franquismo e a represión. Localizada na Casa Museo Casares Quiroga, este novo recurso municipal a prol da xustiza e a reparación nace, ademais de co impulso do actual goberno local, da man da Universidade da Coruña (UDC) e a propia sociedade civil coruñesa, que durante décadas traballou con este obxectivo a través das entidades memorísticas. Así o destacou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que hoxe presidiu o acto de inauguración deste espazo, xunto ao concelleiro de Culturas, José Manuel Sande. O rexedor manifestou que esta oficina, a primeira destas características que existe en Galicia, bota a andar en base a un convenio asinado entre o Concello e a universidade polo que a administración local contribuirá a financiar, cunha achega anual de 40.000 euros, a nova Cátedra Institucional de Memoria Histórica da UDC. Esta xirará en torno a tres eixos: a apertura da Oficina de Atención ás Vítimas, a investigación a través dun equipo formado por persoal docente e investigador e a divulgación dos resultados deste traballo.
Tanto o alcalde como o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, recordaron que o impulso a esta cátedra e, polo tanto, á Oficina de Atención ás Vítimas, é un chanzo máis dentro do traballo desenvolvido polo goberno local a prol da memoria histórica no que vai de mandato e que se concretou con distintas accións como a adecuación do rueiro á lei de memoria histórica, a integración do Concello da Coruña na rede de Cidades contra a Impunidade, a posta en marcha do Consello da Memoria Democrática, que ten como primeira encomenda facer un estudo sobre a casa Cornide e o apoio dende o Concello as iniciativas en favor da recuperación para a cidadanía de Sada do Pazo de Meirás, hoxe en mans da familia do ditador.
Ademais de coa presenza institucional, o acto de inauguración da Oficina das Vítimas contou coa presenza do reitor da Universidade, Julio Abalde, así como catro mulleres testemuñas e vítimas da represión: Carmen Seijas, Elvira Varela Bao, Luisa Vázquez e Celsa Cabanela.”