Proxecto Cárcere propón converter a antiga prisión da Coruña nun espazo autoxestionado e de memoria”

Este xoves o Concello organiza unha visita guiada ao cárcere, na que participarán integrantes de diferentes colectivos sociais e veciñais, comezando polo propio Proxecto Cárcere, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e a Asociación de Veciños de Monte Alto. O mal estado no que se atopan algúns espazos do edificio impide que, de momento, se poida permitir o acceso libre á cidadanía. O Concello prevé que o edificio entre en uso “de forma gradual” ao longo deste ano 2017, comezando no final do primeiro trimestre habilitando os primeiros espazos, coma o patio ou as dependencias da entrada, que poderían acoller actividades culturais -proxeccións, representacións escénicas, exposicións- así coma acoller propostas da cidadanía.

No documento presentado por Proxecto Cárcere, a plataforma ofrécese como “facilitadora” dun “proceso participativo e negociacións entre institucións e cidadanía achegando os seus coñecementos, experiencia e filosofía” co obxectivo de “abrir un espazo de participación para as cidadás e cidadáns interesadas nun uso público e en comunidade do cárcere”, creando “modelos de xestión participativa onde as cidadás e cidadáns sean as e os protagonistas e que podan ser aplicados dentro e fora do cárcere”. A proposta pode resumirse na creación “dun centro sociocomunitario, da memoria e dos dereitos humanos, de xestión e participación cidadá onde se poidan desenvolver actividades sociais, culturais e artísticas e onde se respecte e recupera a memoria das vítimas e do edificio”.

Pide priorizar “proxectos e iniciativas que encontrasen dificultades en participar nos espazos convencionais por razóns económicas, por ser grupos ou persoas individuais nos inicios da súa actividade artística, social, deportiva ou aquelas actividades que teñan que ver coa memoria e a reparación do sufrimento das vítimas”. No documento aparecen propostas concretas, que xa foron presentadas por algún dos colectivos ou persoas integrantes da plataforma. Por exemplo, hortas urbanas, un Viveiro de Artistas, unha Oficina de estudo da cidade en man común ou unha Escola de Participación Cidadá con temáticas que poderían incluír a economía social, modelos alternativos de financiamento e xestión, oficios tradicionais, ecoloxía, mediación, feminismo, reciclaxe, consumo, bioconstrución, ou o software libre.

Un dos puntos centrais da proposta é a constitución dun Espazo da Memoria e Dereitos Humanos, sinalando o obxectivo de crear “un espazo permanente de reflexión e proxecto de futuro sobre os dereitos humanos utilizando a memoria histórica como base”. “Non se procura crear un museo estático e afastado da vida contemporánea senón que sea un ente vivo conectado coa actualidade social e política, como unha escola permanente e en continuo diálogo do pasado, presente e futuro coa memoria. Tomando como exemplos outros centros de Arxentina, Chile, Francia, Alemaña ou Bosnia”, destácase. Tamén sinala a posibilidade de utilizar un espazo no cárcere “como sede da futura Oficina Municipal de Atención ás Vítimas”.

No que respecta á xestión, saliéntase a necesidade (pero tamén a oportunidade) de deseñar un modelo novo de autoxestión nun marco de colaboración coas institucións, neste caso co Concello da Coruña. “Entendemos a autoxestión como a autonomía da cidadanía en determinar os contidos, a toma de decisións e a organización do cárcere”, destacan, engadindo que “a propia xestión do espazo é parte do proceso en que a teoría, a práctica, a experimentación e por tanto o erro son os piares da aprendizaxe colectiva e da particularidade e excepcionalidade desta proposta”. Propoñen que “unha vez establecidos os criterios de uso do espazo, a intervención do Concello no día a día do proxecto fose mínima para permitir que o grupo activo do Cárcere puidera desenvolver a súa actividade con tranquilidade, eficacia e autonomía”.

Salientan a necesidade (pero tamén a oportunidade) de deseñar un modelo novo de autoxestión nun marco de colaboración coas institucións

En canto ao proceso de rehabilitación, Proxecto Cárcere propón que sexa “participativo, aberto e adaptable, de baixo custo”, que siga “principios de sustentabilidade”, respecte a estrutura orixinal do inmoble e manteña un “compromiso coa economía local e social”.

 

 

 

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s