O Campo da Rata de Xohán Casal

O Campo da Rata era o lugar onde se realizaban as matanzas e o medo envolveu todo o lugar como a brétema que inunda a costa ás tardiñas. Non se nomeaba ese lugar. Reimundo Patiño, pintor e amigo de Xohán Casal, deu a coñecer o poema e polo tanto o lugar, á nova xeración. Manuel Rivas no seu discurso como académico califica esta obra como “un dos grandes poemas e un dos grandes textos da memoria do terror fascista na Coruña, un dos grandes textos universais que trata do terror e dos efectos do terror na memoria colectiva”.

O CAMPO DA RATA

Na Coruña, perto do mar, hai un campo inzado de ratas. Alí foron asesinados polos feixistas milleiros de homes inocentes.

Finou o home, en recuadas, no mencer.

Sonos, arelas, ilusións, todo xace eslixado no aer estatío.

Pro o berro inda sigue no ár coma ás mancadas, a caer, a urrar no seu redor.

E si vive aínda

se aínda vibra e treme e

se estremece

será para que escoites.

I

Cecais voltaremos un día

cecais resusitaremos.

Cecais nos ceibaremos desta realidade.

Pro agora somentes as sombras da morte

o deserto, o vento salaínte, o cabalo quieto na lus coma un agoiro.

Agora somentes o arrepío núo da morte: Vougo.

Sós, sempre sós, rondando ós vivos, coma mortes vagantes, coma espritos medoñentos.

Estabarramos ó redor das fiestras acesas onde durmen.

Facemos por espertalos, berramos, petamos nos seus vidros con bateladas de anguria;

Mais durmen. Apousan, non escoltan.

E voltamos á cova por ver de durmir.

E seguimos chorando eternamente.

Cecais ista realidade se troque un día en sonos:

E haxa amor e dozura nas nosas vidas, desaparezca o vougo, veña a ternura.
Pro agora somentes hai escuridade.

II

Unha escuridade mesta cobriu os nosos ollos,

-Estaban limpos e cheos de luminosidade-

Cando a morte infreixíbele

E inagardada

Chegou.

Pódese dicir que amencía.

Pódese falar daqueles campos verdecidos no inverno.

Abrocharan as follas nas albres dos camiños.
O camiñar dos pés sobre da lama semellaba un brando esbarrar pola lus da mañá.

A lus enchía todo de espranza.

E unha escuridade mesta cubriu as nosas frontes coma sono.
A morte

Ciscou as ilusións e o sangue.

A espranza caeu naquil abrente Baixo os fusils xiados.
sentín como a terra i o sangue mesturábanse na miña boca.

III

Os sonos voaron cecais naquel abrente.

Como o fume condensado e preto dos disparos.
Como o eco espido das detonacións.

Como o berro incontido das nosas almas:

“Viva Galiza ceibe”.

Era cousa de nenos. Era un xogo. Morrer así berrando na mañán de inverno,

Perto do mar nevado, Baixo do abren,te, sobre da herba chea de viscosidade.

Perdela vida por sonos coma nun sono.
Quen podería coidar na morte naqui intre?

Perdela vida por ilusións que voaron co lume dos disparos que se perderon aos berros

daqueles homes mortos no chan.

IV

Ficaron boca abaixo.
Cas mans estricadas.
Na mañán acesa e inzada de amenceres: o ulor do mar, da terra mollada,

da herba e do fume lonxano do toxo queimado.

Ficaron esquecidos, valdeiros, xa para apodrecer.

A se desfacer n aterra paso a paso.

A se perder para sempre.

Ista é a realidade.

V

Alguén recolleu o sono dun neno?

Alguén recolleu a verba, o berro, a ollada implacable do que se aferra cheo de vida á vida camiño das tebras?:

Ou perdéronse para sempre?,

¿Desfixéronse no vougo coma o eco arreciado dos seus berros e desapareceron no ren xa sen remedio, ou aínda alentan, e teñen espranza de abrochar na terra como os homes?

Alguén recolleu o sono dun neno?

XOHAN CASAL (1956)

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s