“Non chorei, non lles podía dar ese gusto”

teresa-alvajar-retrato

“A nosa historia está escrita na biografía de Mª Teresa Alvajar. Desde o seu nacemento na Coruña de 1922, os grandes acontecementos deixan pegada na súa vida atravesada por exilios e desgarramentos. Filla do xornalista e político republicano César Alvajar e da galeguista Amparo López Jean, o golpe militar pon fin á súa infancia feliz. Desde entón, a familia comeza unha peregrinaxe que os separará para sempre. Pasou polo cárcere da Coruña e polo desterro e soñou durante moitas noites nunha volta a Galiza que xa nunca se daría”.

Cada un dos catro irmáns ten, nese momento, unha situación difícil e diferente. Cando terminou a guerra non había dúas persoas da miña familia no mesmo sitio. Javier estaba escondido porque pasara ao frente Republicano e xa non puido chegar onda nós. Estaba perseguido por desertor e tivo que agocharse nunha aldea. Cada quen escribía preguntando polo resto e ninguén sabía de todos. Eu, cando cheguei á Coruña, estiven controlada e perseguida. Veu un mozo a facerme preguntas de Barcelona e miña irmá Ana pediulle que me deixara, que estaba moi cansa. Despois veu un policía de Burgos coa acusación de que era roxa e presidenta de checas. Interviu entón un amigo de meu pai que pediu que me trataran con consideración porque, de non ser así, tería andado de cárcere en cárcere.

– Tardan moito en detela?

Non. Viñeron seis gardacivís a casa a determe. Mira, tan pequena, tan pouca cousa e que medo tiñan de min! Leváronme ao cuartel e alí estiven desde as dez da mañá ate as seis da tarde tomándome declaración. Preguntábanme polo meu pai, porque pensaban que estaba agochado, e tamén pola miña nai. Convencino de que estaba fóra e os gardas dixeron que non había nada contra min pero leváronme ós militares que foron os que me mandaron ó cárcere. Non chorei, non lles podía dar ese gusto.

– Coincide con moitas presas políticas?

Lembro a Esther Casares, a Otilia Balboa, a Elena que era unha muller de Santiago casada con Alfredo Caamaño, unha que estaba mala dos ósos e tamén se me ven á cabeza outra que se chamaba Laura, á que lle mataran ao seu compañeiro por comunista. Acórdome dela porque cada vez que Franco ía á Coruña ela entraba no cárcere.

– Que lembranza ten do cárcere? Estivo dentro cinco meses, non
Estiven. Lembro que me levaron para o calabozo un mes porque unha tarde me deu por cantar unha canción coa letra da Xoven Guardia e cinco persoas máis cantaron conmigo, cinco comunes. Cando rematamos veu o xefe da sección a preguntar quen cantara e unha que se chamaba Antoñita, que estaba na cama, dixo que ninguén. Entón contestou: “Se non foi ninguén, este ala ao completo queda castigada sen patio e sen comida da rúa”. Cando oín iso acuseime, dixen que fora eu, porque non quería que castigaran a ninguén. Alguén denunciou a dúas máis e nos meteron no calabozo. Estiven alí un mes, manténdome cun rancho que era incomíbel.

– A súa cidade de nena desmoronárase. Da súa familia só quedan na Coruña dúas mulleres novas, sen grandes recursos económicos e perseguidas polo réxime.

A tranquilidade de antes convértese agora nunha situación tremenda. Pasamos a depender doutros que nos acollen. Miña irmá, cando eu volvín de Barcelona, estaba a vivir cunha muller que fora neneira de meu pai. Cando eu saín do cárcere metémonos na casa dunha muller que pertencera á Agrupación Republicana Feminina, Adela, muller de Antonio Mejuto, ao que expulsaran do concello por republicano. Esa señora, que case non tiña para a súa familia, acolleunos a miña irmá e máis a min, e tamén foi a que agochou ao meu irmán, que estaba perseguido.

O 20 de maio de 2016  os seus restos voltaron á cidade de A Coruña.

Entrevista realizada a María Teresa Alvajar por Carmen Vidal Laxe e  Xoán  Carlos Garrido Couceiro, publicado en “Terra e Tempo” nº 16, ( xulio decembro 2008)

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s