Memorias do cárcere da Coruña: O que contarían as súas paredes

Artigo de Marcos Pérez Pena en plaza.gal

“Corporacións municipais enteiras, dirixentes obreiros, intelectuais, mestres, anarquistas, comunistas, socialistas, republicanos, guerrilleiros… Os muros da prisión provincial desta cidade foron testemuña da nosa terrible historia. Non hai peor inxustiza que ser privado da liberdade por motivo das propias ideas e neste penal estiveron moitos de numerosos lugares de Galicia e do Estado”.  A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica impulsan Memoria do Cárcere, unha iniciativa que documenta e difunde o relato das persoas que estiveron recluídas na Prisión Provincial da Coruña. 

“Os muros da prisión provincial desta cidade foron testemuña da nosa terrible historia. Non hai peor inxustiza que ser privado da liberdade por motivo das propias ideas”

O espazo web do proxecto foi presentado a pasada semana na Casa Museo Casares Quiroga, nun acto no que participaron as entidades impulsoras do proxecto e tamén o alcalde Xulio Ferreiro, así como investigadores en Memoria Histórica, o neto do ex alcalde Suárez Ferrín, Alfredo Suárez ou o historiador Luis Lamela. Os promotores de Memoria do Cárcere destacaron que a prisión foi durante anos “o máis semellante a un campo de concentración que houbo na cidade”.

“Os muros da prisión provincial desta cidade foron testemuña da nosa terrible historia. Non hai peor inxustiza que ser privado da liberdade por motivo das propias ideas”

“Queremos que se coñeza o sucedido, reflexionar sobre eses terribles anos e tamén que se libere, dalgunha maneira, o sufrimento que houbo detrás deses barrotes”. O proxecto, que vén de comezar, componse de semblantes e reseñas sobre moitas das persoas que pasaron polo cárcere, froito dun traballo de documentación e pescuda en bibliografía publicada, arquivos e de entrevistas cos mesmos ex-presos e os seus familiares e amigos. “Propoñemos conservar e exhibir estes testemuños e documentos co obxectivo de aprender desta dolorosa experiencia e contribuír modestamente a afianzar a cultura do respecto e a convivencia en liberdade”, engaden.

Os relatos

No blog xa se poden ler algúns dos primeiros relatos de persoas que pasaron pola prisión. Por exemplo, o de Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da Coruña, “o home a quen non querían matar”. Suárez Ferrín foi detido o 21 de agosto de 1936 no seu domicilio; pasou os seus últimos días no cárcere ata que se celebrou o xuízo, os días 26 e 27 de agosto, que o condenaría a pena de morte. Agardando un indulto que nunca chegaría, foi fusilado o 31 de agosto no Campo da Rata. “Os soldados decidiron errar o seu tiro ante tal horror;  foi o tenente do pelotón militar quen tivo que disparar”, contase no blog. Publícase igualmente unha entrevista a Alfredo Suárez, neto do rexedor asasinado, que destaca que “sempre durmín coa foto do meu avó baixo a almofada”

Destácase tamén o caso de María Ángeles Rivera Torres Gelines, a única presa política no cárcere da Coruña, condenada a seis meses de prisión “por agredir con un bolso a la policía”, e por propaganda ilegal. Gelines destaca que se sentiu “moi arroupada polos compañeiros, pola familia e polas traballadoras de PYSBE”, que cada semana ían visitalos e lle levaban “comida, paquetes e mesmo un colchón mercado por elas”. Ou o de France García García “o da lejía”, xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza de morte e fusilado o 29 de xullo aos 24 anos, no mesmo lugar que o seu irmán Bebel. Tamén o de Manuel Pillado, sindicalista, que conta nas súas memorias que “a vida do cárcere da Coruña, comparada coa dos anos corenta, era un balneario”. 

Destácase tamén o caso de María Ángeles Rivera Torres Gelines, a única presa política no cárcere da Coruña, condenada a seis meses de prisión “por agredir con un bolso a la policía”, e por propaganda ilegal

Nas vindeiras semanas irán publicándose outras lembranzas e relatos, que dan conta do terrible sufrimento ao que eran sometidos os presos políticos (“As descargas eléctricas nos testículos, malleiras con toallas molladas, e horas e horas espido nun retrete de 50 por 50 centímetros en pleno inverno. Todo isto formou parte do suplicio”; Antolín Montes, preso en 1947), a vida no día a día no cárcere (“A comida era moi ruíña e sobreviviamos grazas á achega dos familiares. Os presos comúns tiñan unha situación moi calamitosa, sempre lles axudabamos”; Xosé María Loureiro Fernández, preso en 1972), pero tamén da solidariedade interna e da resistencia e loita dos condenados e condenadas (“O cárcere foi un lugar de encontro con xente valente e xenerosa. Todo o que era épico ou heroico eran eles, os líderes da clase obreira”; Pedro Morlán, preso en 1973)”

http://praza.gal/cultura/10727/memorias-do-carcere-da-coruna-o-que-contarian-as-suas-paredes/Martes 8, decembro 2015