Xosé Velo Mosquera

Nace en Celanova en 1916. Estudou no colexio dos Escolapios de Celanova, onde coincidiría con Celso Emilio Ferreiro, e sería un dos fundadores en 1932 das Mocedades Galeguistas de Celanova, un dos grupos máis activos da organización xuvenil do Partido Galeguista, e chegaría a ser membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, sendo elixido secretario xeral desta organización en 1935.

Nesta época comezaría a escribir poesía, chegando a publicar un poema titulado Alciprés na revista Nós, e editando xunto a Celso Emilio Ferreiro editaron o chamado Cartafol de poesía, que remitiron a xornalistas, intelectuais, amigos e familiares.

Tres días despois do golpe militar de xullo de 1936, é detido na comandancia militar de Celanova, negándose a entregar os arquivos cos nomes dos militantes das Mocedades. Foi liberado por influencia familiar, e en 1937 foi reclutado polo exército sublevado, tentando fuxir ao lado republicano en múltiples ocasións.

Despois da guerra trasladouse a Vigo, onde entrou en contacto con sectores da resistencia antifranquista e da guerrilla, sendo detido novamente en 1944 e encarcerado, primeiro en Vigo, e logo no cárcere da Coruña, obtendo a liberdade provisional tralo fin da II Guerra Mundial.

En 1948 fuxiu a Portugal e foi detido pola PIDE, a policía secreta do Estado Novo portugués, aínda que grazas á mediación do Unitarian Service e ao apoio do goberno de Rómulo Gallegos, puido trasladarse a Venezuela. En 1956 foi nomeado presidente do Lar Gallego de Caracas e, como delegado desta institución, participou activamente no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires.

En 1959 fundou o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) cun grupo de exiliados españois e portugueses. A principios de 1961 dirixiu o secuestro do trasatlántico Santa María, ao que renomearon Santa Liberdade, pretendendo denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. O goberno brasileiro acolleu aos secuestradores como refuxiados políticos, e Velo e o seu fillo Vítor, que tamén participara no secuestro, establecéronse en São Paulo. Nesta cidade fundou unha libraría (Nós) e logo unha editorial (Galiza Ceibe), pouco antes de morrer, dun cancro de pulmón, aos 55 anos de idade.

Extraído da web xosevelo.org

Deixar un comentario