Juan Vázquez Loureda, enlace guerrilleiro.

Coñecido como Juan Anido, sufríu as consecuencias do seu compromiso mais nunca deixou a militancia nin o espíritu crítico.

Juan Vázquez naceu no seo dunha familia de esquerdas e pouco relixiosa, o pai andivera embarcado e logo entrou a traballar na antiga Bazán. Juan comeza a traballar aos 14 anos nunha fragua de Mugardos, e despois, durante a Guerra Civil, nun taller que facía munición.

Despois da Guerra xa andaba nas Xuventudes Libertarias, e comezou a ler autores marxistas e comunistas co que foi evolucionando cara ao Partido Comunista. Nestes tempos, a represión en Mugardos foi intensa e tamén provoucou a reflexión de Juan Anido e o seu posicionamento.

Comezou a colaborar coa guerrilla de maneira casual, e construiu unha “cova” na casa para lles dar acubillo. A Garda Civil soubo da cova pola confesión dun torturado e, en xullo de 1951, foron detelo á casa, aínda que tardaron en descubrir o abrigadoiro e tivérono retido no cárcere de Ferrol ata que deron con el.

Por mor deste delicto estivo preso, en 1951, 6 meses no cárcere da Coruña agardando polo Consello de Guerra e, nese mesmo ano  foi para o penal de Burgos, cunha condea de quince anos. A experiencia nesta cadea foi dura, malia que coincidiu con coñecidos galegos da guerrilla e mais do Partido Comunista, e que grazas ás redes de axuda que o partido tiña no cárcere e que coidaba dos que estaban enfermos, conseguindo máis comido ou redistribuíndo a que mandaban das casas.

A base de indultos que conseguiu polo seu traballo na cociña da enfermería e mais da cociña principal, foi redimindo a pena, de quince anos a trece e, finalmente, a seis anos e medio.

Cando saiu do cárcere, tivo dificultades para atopar traballo e achou axuda nas redes que agrupaban os simpatizantes de esquerdas. Rematou traballando en Astano, e desde alí participou na formación do Partido Comunista de Galicia, ao que se afiliou en torno a 1949. A súa posición no partido motivou que a Garda Civil tivera previsto prendelo e pasealo  mais recibiu a noticia con tempo a través dun cura, e fuxiu.

Marchou traballar  primeiro á pesca de altura en Sudáfrica e despois a Suíza.

Na volta a Galicia e mantivo o seu compromiso político malia ter unha actitude crítica coa evolución do Partido Comunista en democracia.

Fonte: Blanco Carballo, A; Bustabad Hermida, L; “Biografías obreiras de Ferrol” Fundación 10 de marzo. Volume 1.

Deixar un comentario