Cantiga nova que se chama cadea

15779335189_426295893c_b.

Poema do poeta Lorenzo Varela feito no ano 1970 adicado ó tamén escritor Xosé Luis Méndez Ferrín preso

                                                      A Xosé Luís Méndez Ferrín, na gaiola.

Esta é a cantiga nova que se chama cadea,
pois xa non hai ribeiras pras cantigas de amor.

Están os corazós nas cárceres, meu bén,
encadeados beizos,
ollos encadeados,
as longas cordas do terror abranguen
feixes de labradores, mariñeiros, xograres,
estudantes, obreiros, artesáns,
cregos do Papa Xoan,
rapazas que procraman a alborada do mundo.
Anda en canles de aceiro a sangue dos
irmáns,
e polos catro cantos, amurada,
asoballada, cuspida,
esnaquizada,
a libertade.
A libertade, amor, a libertade,
ise verdor perene que nin na morte morre.

Esta é a cantiga nova que se chama prisión,
meu bén, meu doce bén,
meu amor.
Bulen fanadas maos riscando as pedras,
garaballando un nome de muller,
un nome de montaña,
un nome de veleiro,
o nome dun menino non nascido,
unha data,
unha cruz,
unha pomba en cadea que se chama Galicia.

– Amor, amor, amor,
¿onde vas, meu amor?
– Vou pra cadea.
– De ónde vés, meu amor?
– Amor meu, meu amor, veño vindo
de penar na cadea.
Pras miñas cadeas vou,
das miñas cadeas veño;
eslabón por eslabón,
xa máis que home son ferro.
Meu amor, meu doce amor:
máis que corazón espada,
pólvora máis do que beixos,
mais pólvora namorada.

Esta é, meu amor, a cantiga,
cantiga nova que se chama cadea,
nas cárceres de España, sentenciada,
a cantiga está presa.
Meu amor, meus amigos, si queredes
visitar a canción,
berrade xunto aos muros
e petade nas portas do penal:
un aturuxo esposado
un alalá de xionllos,
unha anduriña na forca,
unha fasciana no pozo.
Somentes anda libre
a morte,
mais ninguén.

Friaxe nas pedras.
Nas pedras do chao,
nas pedras das paredes,
nas pedras do teito,
e fora, nas pedras que teñen os ollos dos que agardan.

Friaxe, tamén,
na cantaría do esquelete
e no latexar do pulso
dos que moran adentro do penal.
– O que non saben os gaioleiros
é que esta friaxe quenta
con acelmoso agarimo,
con frebe de namorada.
Porque a pedra é miña amante
e tén as coxas ardentes
de esperanza.
Friaxe da cadea:
fogueira do porvir,
lume da libertade,
leite morna da pedra, miña amante.

Velahí, que alí vai,
pola cadea abaixo vai
un home de pé.
Velahí que alí vai,
pola cadea arriba vai,
un home de pé.
¡Quén o poidera librar!
Pola cárcere arriba vai
un home de pé.
¡Quén o poidera sacar!
Pola gaiola arriba vai
un home de pé.
Pola gaiola abaixo vai
un home de pé.
¡Quen o poidera desengaiolar!
Pedras arriba polas rellas vai,
pedras abaixo polas rellas foi
un home de pé.
Corazón arriba vai,
corazón abaixo foi,
de pé,
un home.
Iba cantando
unha cantiga nova
que se chama
cadea:
¡Carcereiros, carcereiros,
qué encarcerados estades!
¡Vos non tedes amante, carcereiros,
vos non tedes a pedra de amar!
Muralla teño por noiva,
candado por romería,
porta de ferro trancada
por consolo e compañía.
Baixo sete chaves, baixo,
sete muros de castigo,
crezo tanto, miña dona,
cas nubes andan conmigo.
O que sofre na cadea
ha de ter a mán lixeira,
pra peneiras a esperanza
sin abalar a peneira.
Votei un cantiño a rolos
da miña porta pra túa.
A miña estaba tapeada:
acho de levar a lúa.

Esta é, meu amor, a cantiga,
cantiga nova que se chama cadea.
É unha cantiga que fende os penedos,
acouga os trebós,
mura os amoleceres,
funga nas venas dos loitadores,
é o berce dos orfos
e puxa nas íngolas dos carballos.
Canta, meu amor, canta,
a cantiga nova que se chama cadea.
Lémbrate do que está escrito nos cruceiros:
cada intre que pasa é unha camba
sementada de abrentes:
xa chegarán as diadas da sega,
xa veñen as diadas do amor,
das estreladas festas,
das derrubadas portas da cadea.
Os días da cantiga liberada,
da cantiga nova
que se chama
folía
 Lorenzo Varela  Buenos Aires, 1970.

Advertisements

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s