Texto lido por Chuky Trillo na investidura de Celsa Díaz Cabanela como Republicana de Honra no ano 2019
Cuando se cuenta, se usurpa la memoria de los otros…
Mi memoria o mi nostalgia me han hecho tejer hilos.
Pero no forjar cadenas.
SIMONE SIGNORET, La nostalgia no es lo que era
“Boa tarde, en primeiro lugar quero agradecer á Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña que pensase en min para presentar a Celsa nesta merecida homenaxe como Republicana de honra.
Boa tarde, Celsa, hoxe tócame falar de ti, o que me produce un pracer enorme.
Amigas e amigos: Celsa pertence a unha xeración que desde unha idade moi temperá asumiu un compromiso, un compromiso coa xustiza, coa liberdade, coa solidariedade e cos Dereitos Humanos. Coñecémonos na entrada do instituto feminino, corría o curso 71-72, eu era delegada da miña clase e alí apareceron Celsa e Conchi. Conchi ( González) non estudaba (era a filla de Xoaquin “ O Panadeiro” veterano militante comunista), Celsa estudaba en Monelos, a partir daquel momento o noso compromiso non daría marcha atrás.
A ditadura fascista seguía en pé, a sombría presenza da ultradereita e da policía político social provocaba que calquera modelo de organización tiña que moverse entre as sombras da clandestinidade. Os partidos políticos e as asociacións estaban prohibidos e calquera manifestación popular nas rúas provocaba deseguido a presenza das forzas armadas e en consecuencia as cargas e detencións policiais.