A figura de Mario Granell, artista e expreso político do franquismo, centrou a conferencia do ciclo de actividades de Memoria do cárcere da Coruña realizado na Fundación Luís Seoane o mércores 29 de novembro. A charla foi a cargo de José Ballesta, actual director do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León. O acto presentouno o profesor de Historia da Arte, Jorge Calle e contamos coa presenza de Cachi Granell, filla de Mario Granell.
No cárcere producironse moitas obras: artísticas, literarias, arquitectónicas… é o noso interese que se divulgue para que sexa coñecido e porque mostra de primera man os efectos terribles da situación de represión que se mantén ó longo da vida dunha persoa, como foi neste caso do gran artista surrealista Mario Granell, a quen lle influíu sempre a falta de libertade e que mostrou tan ben na súa producción artística.
Cinco tristes anos no penal da Coruña
Dende moi novo, Mario Granell tivo vocación e formación artística. En Compostela, onde a familia se traslada dende A Coruña, recibíu clases de Camilo Díaz Baliño e fixo a primeira exposición ós catorce anos.
Ao trasladarse a Madrid ós 17 anos, ponse a traballar no mercado do peixe e entra nas xuventudes comunistas e na UGT. Ao tempo entra en contacto con persoeiros das artes coma Arturo Souto , Cándido Fernández Mazas, Federico Ribas, entre outros.
Estala o golpe de estado mentras estaba en Galicia. Cando intenta fuxir, xunto con outros compañeiros, con embarcacións cara a Francia dende Bens, foro apreixados. Granell recordarao dun xeito conmovedor “nacin por segunda vez en Bens”… xa que non o mataron.
Estivo preso durante cinco anos no cárcere da Coruña. Conviviu con moitos represaliados e, as proprias vivencias e as historias dos seus compañeiros do cárcere, impregnarán toda a súa producción artística a partir dese momento.
Nas súas obras ergue o berro apaixoado da dor, da guerra, da enfermidade… Os seres que choran, a forza das rexas, dos apreixamentos, os homes doblados… a represión… convive coa lixeireza do mar, do vento e das mulleres na praia. Unha obra comprometida co seu tempo que se continúa nos anos de libertade en Vigo e en Venezuela.
Na conferencia participou o especialista na súa obra o investigador José Ballesta onde fixo un semblante persoal, político e artístico do autor e estivo acompañado pola filla que completou a biografía e a poética do autor cunha visión entrañable e familiar. Na conferencia e debate que foi conducido polo profesor Jorge Calle, xurdiron persoas que coñeceran a Granell e que adquiriran obra del. Tamén durante a charla xurdiron libros realizados no tempo de prisión que resultaron de gran interés para seren imprimidos .