José Carril Rodriguez “Cadeiro”. O home que camiñaba.

José Carril Rodríguez  “Cadeiro” (1902-1997)

Conta Gloria Carril, muller lonxeva e dunha actividade febril, que o seu pai perdonou mais nunca esquecíu a quen lle fixo pasar parte da súa madureza no cárcere.

Corría o ano 1931 e José do Cadeiro formaba parte da corporación municipal do Concello de Malpica. Pertencía á Izquierda Republicana e  ademais era membro do sindicato socialista da UXT.

Conta a súa filla que José  se opuxo  a que outros membros do Pleno pertencentes a certa familia pudiente da localidade, cunha manobra ilícita, se apropiasen terras públicas para o seu patrimonio particular. Esto traeríalle severas consecuencias ao republicano cando, no transcursoda Guerra Civil, os nacionais tomaron Galicia.

Declarado “rojo” e subversivo, foi posto diante dun Consello de Guerra celebrado no Cuartel de Infantería Zamora da Coruña e polo que lle caeron 15 anos de presidido no cárcere da cidade herculina. O delito: Auxilio á rebelión. Corría o ano 1937. Alí atopouse con outros conveciños malpicáns como Luis Rodríguez Villar “Rogita”, anos máis tarde, deportado en Mauthausen.

Conta esta señora de memoria prodixiosa que, sendo unha nena de apenas 5 anos, acompañaba un día si e outro non á súa nai, de nome Gloria Pombo, ao penal da Coruña para levarlle ao pai comida, tabaco e conversa. Mentres os proxenitores departían mantendo as distancias e vixiados, ela xogaba á mariola no corredor do cárcere fronte á Torre de Hércules.

O enxeneiro de Portos de Malpica, Eduardo Vila Fano, axudado por un Informe ben favorable do cura párroco don Santiago Abuelo, lograron que en 1941 poidese saír excarcerado e librarse, moi probablemente, de ser fusilado. Talvez axudase que José exercera de sancristán no centro penitenciario…

Ao chegar a Malpica, José de Cadeiro púsoxe ao fronte do negocio familiar, unha taberna, ultramariños e mesmo fonda ubicado no “barrio castellano”, hoxe rúa José Antonio Pardines. Foron meses duros pois durante o ano seguinte da súa chegada, José sufríu de incontinencia.   Acostumado a durmir en colchonetas a rentes do chan no cárcere, tiña a friaxe aniñada no corpo.

Rematada a contenda civil, Cadeiro matiña boa relación con uns e con outros, mais seguía profesando ideas socialistas.

Por aquel negocio de bo xantar e moito viño vido de terras de Castela, pasaban os “cerillitas” da vila. O farmacéutico, veterinario, médicos e mesmo Urbano Lugrís. O pintor vigués mantiña unha boa amizade co Secretario da Confraría de Pescadores, Fariña. Foi así que esta tropa de troula, alcumaseao negocio “A Checa”, órgao de intelixencia do rexime soviético.

Conta Gloria que o seu pai, malia das penalidades e a represión padecida, foi moi positivo e de bo talante.Detrás da barra, facía quilómetros co seu andar apurado, como indo sempre a algún sitio.

Deixou de alancar con 95 anos.

Héctor Pose